A agrupación folclórica Pousos da Area presenta a súa segunda exposición etnográfica, nesta ocasión sobre oficios e labores desempeñados pola sociedade galega do século XIX até comezos do século XX. A exposición presenta unha variedade de oficios e labores, dende os relacionados coa agricultura e a gandería, pasando pola pesca ou a construción. Cada un destes oficios ou labores conta cos elementos orixinais empregados para o seu desenvolvemento. Ademais, a exposición conta con numerosas fotografías antigas, así como traxes reproducidos fialmente ós orixinais que levaban os nosos antergos nas súas xornadas de traballo.

A exposición leva por título "Inda son quen era onte. Oficios e Labores" e amósase no Museo Manuel Torres até o 17 de abril.

A conferencia inaugural do acto será hoxe ás 19.00 horas e os horarios da exposición son todos os días de 11.00 a 14.00 e de martes a venres tamén de 18.00 a 21.00 horas. Poden facerse visitas guiadas previa consulta.