"Escaquis e Romeu" é o título da segunda publicación do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que este ano conta con texto de Antonio Manuel Fraga e ilustracións de Jacobo Fernánez Serrano e que foi presentada onte no Culturgal.

O libro supón unha agarimosa homenaxe ao falecido escritor Agustín Fernández Paz, un asiduo do Salón do Libro e un dos autores máis recoñecidos da literatura infantil e xuvenil galega.

"Foi unha experiencia moi bonita e toda unha honra ao saber que ía traballar ao lado de Jacobo", aseguraba onte tralo acto Antonio Manuel Fraga.

O libro inspírase na temática do vindeiro Salón do Libro, "O mundo que queremos". "Tratei de centrarme no mundo que eu quero, pero non dende un punto de vista demasiado dogmático nin moralizante; quixen traballar coa empatía e facer unha historia divertida e agradable de ler", recoñece.

Romeu, un vello barbeiro e o protagonista da historia, ten un aire importante a Agustín Fernández Paz. "Non lle dixen nada a Jacobo, pero cando lle mandei o texto, el pensou o mesmo e díxome que nos bosquexos estáballe a saír Agustín, así que, como tivemos a mesma idea, tiramos para adiante en lembranza a el, que era un gran escritor, unha grandísima persoa que sempre tiña unha palabra de ánimo para os que estabamos comezando nisto", confesa.

A publicación será repartida entre os centros escolares colaboradores co Salón do Libro, organizado pola Concellería de Cultura.