Soaron as gaitas e bailaron os danzantes na Praza Maior do burgo medieval de Vilanova dos Infantes (Celanova). As Letras Galegas adicadas este ano ao escritor e etnógrafo Antonio Fraguas celebráronse na Romería Raigame mirando atrás e voltando á Galicia de hai cen anos, cando as feiras e os mercados protagonizaban a vida social nas vilas e nas aldeas da provincia. Oficios, artesáns, músicos e danzantes déronlle vida a unha xornada de recreación histórica e de festa da cultura que conta coa distinción de Festa de Interese Turístico de Galicia e que supón un punto de encontro para a etnografía galega.

A cita en Vilanova dos Infantes congregou a centos de persoas na edición 18 na que Raigame cumpliu a maioría de idade rendindo homenaxe á Coral De Ruada que tamén está de aniversario. A agrupación ourensá, que celebra os seus cen anos de vida e historia, recibiu o premio honorífico "Adolfo Enríquez" nun acto na Praza Maior, que tamén acolleu a popular Danza do Cristal e foi testigo da presentación do selo que a Asociación Filatélica Miño adica a esta festa etnográfica.

En lembranza das feiras e do gando, o burgo albergou unha exposición adicada aos mercados e ás razas autóctonas, mostras de gando maior e menor, demostracións de traballos con animais de tracción e arreios, exhibicións de manexo de xuntas de bois e mesmo un simposio e proxeccións de documentais sobre as feiras e as razas autóctonas gandeiras no Cine Carlos Velo montado na Praza Maior.

Todo elo nun espazo ambientado por grupos de gaiteiros, baile, contacontos e música popular que acompañaron durante todo o día aos artesáns espallados por todo o burgo medieval. O simposio centrouse no traballo que realiza o centro de recursos zooxenéticos de Galicia e Razas Autóctonas de Galicia, no Pazo de Fontefiz (Coles), no que se desenvolven programas de recuperación, conservación e fomento das razas cachena, caldelá, frieiresa, limiá e vianesa, ovella galega, cabra galega, porco celta, cabalo de pura raza galega e galiña de Mos.

Tamén participaron neste foro Boaga, federación que aglutina ás asociacións de produtores de razas en perigo de extinción, e AGATRAN-Á Molida (Asociación galega de tracción animal), que defendeu a importancia da recuperación de antigos sistemas de traballo con animais nas actividades agroforestais.

A Romería Raigame espallou etnografía por todo o burgo de Vilanova dos Infantes coa presenza de cesteiros, oleiros, zoqueiros e zapateiros, carpinteiros, ebanistas, xoieiros, palilleiras, xogueteiros... artesáns de todos os oficios realizaron exhibicións do seu traballo ambientados pola música e o bulicio típico das feiras e mercados.

As prazas de Vilanova e os campos da Igrexa e da Escola acolleron cada media hora actuacións diferentes e actividades coa participación de escolas de música e danza chegadas de toda a xeografía galega, monicreques, cantareiras, contacontos e cantares de cego. Ademáis da homenaxeada Coral De Ruada,que tamén participou nunha misa cantada na igrexa de San Salvador de Vilanova. A ambientación polas rúas correu a cargo do imprescindible Rodesindo da Barrosa, a Banda de Música de Vilanova, a Escola de Gaitas do Concello de Celanova, Gaiteiros da Agrupación "De Pé Feito" e a Escola de Música Tradicional da Veiga e Trasmiras.

O presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, e o alcalde de Celanova, entidades organizadoras da romería, participaron na festa, descrita polo representante do goberno provincial como un evento "no que milleiros de persoas fan unha viaxe no tempo naqueles aspectos que máis teñen que ver coa nosa identidade; unha aventura vencellada ás nosas raíces".

Tamén asistiron, entre outros, o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira.