Alumnado do IES de Arzúa liberou onte 90 libros da Biblioteca Carlos Casares entre os viaxeiros do tren de alta velocidade do corredor A Coruña-Santiago-Ourensena que foi a primeira dunha serie de viaxes literarias dedicadas á figura do escritor Carlos Casares, que este ano protagonizou o Día das Letras Galegas. Esta iniciativa forma parte do proxecto de dinamización lingüística "O tren que me leva", que organizan Renfe Viaxeiros, Adif e a Xunta, coa colaboración da Fundación Carlos Casares, Leite Noso (Deleite) e Editorial Galaxia, e extende a difusión da obra do autor máis alá do 17 de maio.

A estación de Ourense recibiu onte aos primeiros viaxeiros deste roteiro literario polos camiños de ferro que adoraba Casares. Os rapaces deixaron 90 exemplares dos títulos Vento Ferido, Ilustrísima, O sol do verán e Os mortos daquel verán recomendándolle aos receptores que os lean e, ao rematalos, os deixen quedar no tren ou na estación para que outra persoa poida coñecer a obra do autor ourensán.

Tralo acto de presentación deste proxecto cultural na propia estación, no que participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, os alumnos do IES de Arzúa percorreron o Roteiro Carlos Casares, deseñado polo escritor Afonso Vázquez-Monxardín, que fixo de guía ao longo de 18 puntos emblemáticos da cidade de Ourense que foron especialmente relevantes na vida do autor homenaxeado.

No tren de volta, estes escolares foron os primeiros en ver os repousacabezas coa imaxe institucional do Día das Letras Galegas que estarán durante un mes á vista dos usuarios de 11 trens de alta velocidade dos corredores A Coruña-Santiago de Compostela-Vigo e A Coruña-Santiago de Compostela-Ourense.