Atrás quedan os anos de docencia no Instituto San Clemente de Santiago, cidade dende a que dirixía a revista literaria Dorna e a colección de poesía Dombate de Galaxia. Agora reside en Guimarás (O Irixo) -pobo do seu pai-, despois de prexubilarse a comezos de ano, dende onde continúa levando a pauta do Centro Pen Galicia, que propuxo por sétimo ano consecutivo a Xosé Luís Méndez Ferrín como candidato ó Premio Nobel de Literatura.

-Vostede naceu en 1952, en Bos Aires, e chegou a Galicia con 17 anos. ¿Como explica unha integración total, absoluta, e sobre todo o dominio da lingua, oral e escrita?, porque din que o seu galego é superior ao de algúns membros da Real Academia Galega.

-Nacín e crieime urbano, no barrio de Palermo, moi porteño, convivindo con italianos do sur, polacos, ucraínos, sirio-libaneses, turcos, xaponeses, armenios... Fun á escola pública, laica e cívica, con bo nivel, gratuíta, a escola de Sarmiento. Na casa non se falaba galego porque miña nai é asturiana. Souben que era lingua e non dialecto con 14 anos, díxomo Rodolfo Prada, a quen coñecín, por casualidade, no Centro Galego. Fúnme galeguizando conscientemente, como afirmación, como defensa, daquela alá había máis prexuízos contra nós ca hoxe. O resto foi na aldea. Pola contra que a outros retornados, a min caéume ben e metínme a fondo. O meu galego é aprendido, non o mamei. Nin superior nin inferior, cómpre pór a orella, vivir e soñar en galego. A calidade segue a estar nos enxebres.

-Completa o bacharelato en Vigo, cursa Filoloxía en Santiago, frecuenta aos históricos do galeguismo, faise escritor. Desde a perspectiva de 45 anos de traballo pola pervivencia da cultura galega, desde frontes diversas, ¿cre que pagou a pena?

-Non me considero extraordinario nin estou repeso. Fixen o normal, o que todo galego debería facer, afondar na identidade propia seguindo o exemplo dos devanceiros. Claro que non sempre se acerta, trato de ir indo cos tempos. O meu maior orgullo é ter sido considerado, por unanimidade, "fillo adoptivo do Irixo". Os que nacemos na emigración, dicía Luís Seoane, andamos a tombos, alá e acá. Eu agora xa teño "lugar" de meu: son veciño de Guimarás. - a partir de aí o que se queira, as ideas, a política, a literatura... A meirande satisfacción son os amigos. Afortunadamente conto con amigas e amigos de todas as idades, eu son un mollo máis na meda. Hai coraxe e bravura. Os cainitas nada, son cobardes.

-Por certo. Vostede, xunto co cura de Loureiro, Antonio González Bernárdez, e outros irixenses, xente nova e vella, opúxose frontalmente ao alcalde, Manuel Penedo, que quería instalar alí a macroincineradora do sur de Galicia. ¿Que queda daquela batalla?

-Quédanos a satisfacción de responder unidos e o agradecemento aos que nos axudaron a defendermos o medio ambiente, a terra na que descansan os nosos pais e avós, as carballeiras e os soutos, os ríos e os montes, a caza e a pesca... ¿Parécelle pouco? Gañámoslle á barbarie, aos que mentían e manipulaban, aos raposos ruíns que contaban con enriquecerse, aos desleigados, aos que dicín "está feito, non ten volta". Afuciñaron. Agora toman represalias, vinganzas pobres, pero o pobo é quen máis ordena e aínda non dixo a última palabra. A xente perdoa o intento de traer a incineradora do sur de Galicia pero non esquece. O Irixo ten futuro.

-Na Esgueba, Madarnás, González Tosar está levando a cabo un proxecto singular: A Insua dos Poetas. Un espazo cultural, un predio que, ano a ano, desde 2009, acolle o mellor da poesía, da escultura, da pintura, da música e doutras expresións creativas que conforman un ámbito de grande proxección. ¿Cales son as próximas actividades?

-Constituída, legalizada e inscrita a Fundación Insua dos Poetas como entidade cultural sen ánimo de lucro, toca seguir avanzando na liña de adecuar o terreo, de uso público, facelo participativo e referencial. As principais actividades céntranse na Celebración do Día Mundial da Poesía, a Árbore e a Auga, cada 21 de marzo, coa participación dos escolares da comarca e a Festa da Palabra, o primeiro sábado de xullo, que acadou xa a quinta edición. Este 2013, arredor de Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Eduardo Pondal, lembramos o Rexurdimento. Na Insua está tamén Xosé María Díaz Castro, autor designado polo RAG para as Letras do ano vindeiro. Seguiremos, coa axuda da Deputación, potenciando un proxecto integrador, aberto e plural. Neste momento tan difícil, imaxinación e colaboración teñen que ir do ganchete.