Instar á Xunta a dotar de iluminación ao tramo da estrada PO-315 entre Darbo e O Viso, así como das medidas necesarias para garantir a seguridade de peóns e conductores na intersección co Camiño da Barreira. Tamén a que habilite un paso de cebra na zona donde se atopa a parada do autobús e ás interseccións do Camiño da Barreira e coa estrada O Viso-Igrexario (EP-1005). Son as propostas que BNG de Cangas leva ao pleno da corporación a través dunha moción na que expón os problemas de seguridade nesta zona e as reiteradas peticións veciñas que non atopan resposta.

Trátase dunha estrada que enlaza as parroquias de Darbo- O Hío e Aldán que soporta un alto volume de tráfico, sinalan os representantes da formación nacionalista, e que se intensifica no período estival pola chegada de milleiros de visitantes. A seguridade vial é "deficiente" porque o vial só conta con beirarrúa por un lado, carece de iluminación axeitada e non dispón de pasos de peóns en todo ese longo tramo, ademais de acoller unha parada de autobús no lado contrario ao que conta con beirarrúa, o que obriga a atravesar a estrada sen dispoñer de puntos seguros para facelo.

No tocante á intersección co Camiño da Barreira, o BNG advirte que os vehículos que precisan incorporarse á PO-315 "teñen dificultades para facelo con seguridade", ainda contando cun espello e cun sinal de limitación de velocidade. Lembran que xa noutras ocasións se dirixiu o Concello a Estradas de Galicia para que corrixira esas deficiencias, mais non atopou resposta favorable, e insta a insistir para "solucionar esas importantes eivas".