Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Oficios de muller (I)

A salga incorpora ás mulleres para afumado ou envasado de pesca

Traballadoras de mar e terra. // Arquivo do autor

Nos tempos que corren e desde non hai moitos anos, o acceso das mulleres a oficios que se tiñan como exclusivamente masculinos foise incrementando a medida que a sociedade avanzaba na sua democratización e por consecuencia en cotas de liberdade e igualdade que viñeron rachar con vellos prexuizos, discriminacións e atavismos decimonónicos. Contodo, o movemento feminista que se fai visible pola reclamación do dereito a votar é exclusivamente urbán e propio de paises europeos con sistemas máis ou menos democraticos e que co advenemento da revolución industrial posibilitaron o acceso da muller a certos empregos como mecanógrafas, telefonistas, dependentas de comercio... e operarias nalgunhas fábricas. Porén, este acceso da muller ao traballo había ser máis lento en España pola sua traxectoria política e económica ancorada no pasado, alcanzando a penas certos logros como o do sufraxio feminino no quinquenio democrático da II República.

Mais, fóra do contexto urbano, en certas zonas fabriles de Cataluña, as mulleres xa acudían no século XIX en masa ás fábricas téxtiles que xurdiran coa revolución industrial que tamén tería o seu desenvolvemento en Euskadi por proximidade á Europa máis evolucionada e democrática e pola mentalidade progresista das suas burguesías dirixentes que apostaron pola innovación tecnolóxica. É obvio que en Galicia non se deu este proceso pois as clases sociais adiñeiradas que tamén ostentaban o poder, seguían anclados en estruturas medievais das que ainda tardaría moitos anos en desprenderse delas.

Neste sentido e no referente ás mulleres galegas cabe apuntar a sua antiga aportación ao traballo pero que debido á negación dos seus dereitos laborais e representativos, este non só estaba menosvalorado e considerado a penas complementario ao do home, senón que por isto tamén permanecería silenciado e case invisible. Estamos a referirnos a labores femininos que non figuran en censos nin catastros pero que formaron parte importante da economía familiar á que contribuían parellamente aos labores propios da casa. Entre estes traballos ignorados oficialmente na nosa zona podemos citar o de labregas, recolledoras de argazo, vendedoras de peixe ou pescantinas, haladoras de redes nas praias en oficio de terrestres... A partir de mediados do século XIX e co desenvolvemento da industria da salga van ser moitas as mulleres que se incorporen a ela en labores de afumado, lañado ou envasado do peixe, increméntándose o seu número coa evolución cara a conserva en lata no periodo de entreséculos. Este novo sistema permitiría a introdución doutros produtos do mar a pequena escala, potenciando outros labores periféricos como mariscadoras ou escunchadoras que tamén permanecerían na ignorancia administrativa.

A visibilidade da muller traballadora podemos seguila a través dos catastros e dos rendementos e impostos que se lles apuñan figurando no de 1752 no Cangas urbano- rural desta época 15 tratantas en calceta, 2 pousadeiras, 1 fruteira, 16 panadeiras (venda de pan), 5 forneiras, 2 forneiras - panadeiras, 2 palilleiras e 6 cordoeiras do cánabo. Contodo, nesta referencia tamén habería que incluir a numerosas mulleres que acudían a vender no mercado semanal produtos do campo propios ou as pescantinas pagando o correspondente arbitrio municipal do posto. Cabe fixarse nesta data de mediados do século XVIII pois é cando vai comezar unha pequena revolución industrial nas nosas costas coa chegada dos fomentadores cataláns e os seus novos métodos de pesca e envasado do peixe que permitiría unha exportación masiva do produto, sobre todo sardiña. Ainda que nos primeiros tempos os traballos de prensado e envasado exixían da forza do home, paulatinamente as mulleres irían sendo incorporadas, a pequena escala, ás loxes ou fábricas de salga para realizaren traballos de carga e descarga, selección, lavado e envasado do produto, normalmente descalzas. Ainda na posguerra, os traballos de carga e descarga corrían da man das mulleres, segundo acredita unha muller, unha rapaza nova que traballaba nunha fábrica de conservas en 1940: Os meses de outono e inverno, tan crus... non tiñamos peirao alá... o barco fondeaba e viñan as chalupas grandes co peixe en caixas... E as mulleres, dá vida que eramos novas, metiámonos naquela auga fría ata a cintura para coller unha ou duas caixas que pesaban o seu e deixabámolas na praia... Acababamos coas pernas ateridas e con frieiras (sabañóns) nas mans que daquela había tanto... Ademáis colliamos palangres nos barcos, cinco ou seis, que levabamos na cabeza para a casa e nunha noite limpabámolos, aclarabámolos, atabámolos se viñan rotos e alistabámolos de novo... Por cada aparello dábannos cinco palometas que vendiamos e facías un "changüí".

Cara a 1860 a poboación de Cangas alcanzaba as 2.709 almas, Coiro contaba con 1.286 e Darbo aportaba 830, dando un censo total de 4.295 habitantes. Nun censo de profesións deste ano (ver cadro) o panorama do emprego feminino xa tiña mudado de forma sustancial e son moitos máis os traballos nos que as mulleres cobran visibilidade coa finalidade de seren incluidas nos censos impositivos o que non implica ainda un recoñecemento dos seus dereitos laborais. Neste censo chama a atención que algúns oficios domésticos, aparentemente iguais, aparezan discriminados polo seu nome o que denota unha certa especialización no traballo. Neste sentido e a falta de máis información, temos que concluir que o chanzo máis baixo ocupábano as criadas, dedicadas básicamente a atender os servizos máis onerosos das casas podentes como limpar as latrinas, fregar chans e escaleiras de madeira, lavar, tender a roupa, pasar o ferro, facer encargos... e manter o gando ou recoller froitos no caso da vivenda pacega. Normalmente, este traballo era executado por mozas novas, incluso meniñas, procedentes de familias pobres e a veces numerosas que traballaban pola mantenza, a cama, algunha prenda de vestir, percibindo a penas algún emolumento diñerario extraordinario. O oficio de serventa e doméstica, ainda que semellan ser o mesmo e definen un traballo só na vivenda, diferéncianse por ter o primeiro máis presenza na casa rural con permanencia na mesma, sendo a segunda acepción unha definición máis propia da casa urbana á que acuden por horas a "facer as voltas". Como fose, estes traballos incluían basicamente o facer a comida, servila, limpar os mobles, facer as camas, coidar os nenos e nalgúns casos incluso facer de institutrices e amas de cría, amamantándoos.

Outros oficios de gran presenza son os de xornaleiras e labregas por conta propia nas parroquias máis rurais e oficios clásicos como os de fiandeira ou costureira ou as muiñeiras de Coiro e as tendeiras de varias clases en Cangas como profesión emerxente. Tamén resulta moi chamativo o número das catalogadas como propietarias que case igualan en proporción aos homes, deducindo que se refire ás embarcacións que moitos patróns puñan a nome da sua muller. En canto ás traficantas e negociantas, ainda que en pequeno número, refírese ao trato e venda de augardente e viño ou á venda de polbo e peixe seco como podemos acreditar por outros datos que nalgúns casos mencionan a mulleres viúvas con fillos menores encargadas destes mesteres.

No periodo de entreséculos, a chegada do sistema francés de enlatado ao vacío que vai ir sustituindo á salga, precisaría de moitas mans para preparado e o envasado, incorporándose a este labor milleiros de mulleres que feminizarían case totalmente este oficio sobre o que non imos apuntar nada máis por xa abondo coñecido e divulgado. Porén, si que imos facer unha referencia ás pescantinas ou regateiras que non tiveron acobillo ata que non se edificou o Mercado de Soage e para iso tornaremos á descrición que Ruth Matilda Anderson, a fotógrafa que a mediados dos anos vinte máis visibilidade lle deu ás nosas mulleres traballadoras: "Cando o vapor iniciou a manobra de atracada en Cangas, as peixeiras comezaron a abrirse paso e ocupaban practicamente toda a borda coas suas figuras rexas e fortes. Así que o barco foi amarrado, saltaron sobre a escaleira do peirao que subían axilmente pisando sobre a capa de verduxo cos pés descalzos. Todas elas levaban cargas impresionantes pero nen esbaraban nen lles caía nada... Unha pescantina facía por poñer na cabeza unha patela de ollomol pero era evidente que o peso resultáballe de máis para facelo sen axuda. Un mariñeiro e outra muller botáronlle unha man e así que a patela quedou ben axeitada sobre a rodela ou mulido na testa, botou a camiñar con paso rápido... Levar o peixe a Cangas é como levar carbón a Newcastle, pero algunhas destas mulleres veñen desde Vigo coas patelas cheas".

(*) Mestre e investigador de Cangas

Compartir el artículo

stats