Sería imposible reflectir aquí a numerosa lexislación sobre este asunto que se veu xerando desde que Carlos III, á imitación de Francia, promulgase o 3 de abril de 1787 unha Real Cédula que recollía a severa prohibición de enterrar nas igrexas e no seu arredor en beneficio da saúde pública, iniciándose a construción de cemiterios, apartados dos núcleos de poboación e en lugares ventilados.

Na mesma orde propúñase que estes espazos debían concibirse segundo o Ritual Ordinario da Igrexa, empregando os cartos dos fondos parroquiais e a axuda pública do correximento (Concello) nun terzo ou metade do presuposto e poñendo ademáis os terreos xa públicos ou comunais. Carlos IV voltaría a emitir en abril de 1804 unha circular a correxidores de cidades, vilas e lugares para axilizar a construción de cemiterios de cara á conservación da saúde dos seus vasalos e mesmo o respecto á casa de Deus pois os templos estaban "convertidos en depósitos de podredumbre y corrupción". Diversas ordes posteriores estimularían aos concellos para a sua construción dándolles facilidades e axudas financieiras pero indicando que a súa custodia seguiría correspondéndolle ás autoridades eclesiásticas.

Como persistisen as reticencias e incumprimentos por parte da Igrexa, Fernando VII insistiría neste tema dos cemiterios coa Orde de 8 de abril de 1833 que avivaría as fricións coas municipalidades en canto a súa financiación e titularidade, pero tamén pola extrema confesionalidade destes lugares e pola mesma resistencia dos veciños a mudar os costumes de enterramento.

Tras das fallidas disposicións anteriores, sempre aparece a compoñente católica, considerada como única relixión do Estado e o seu ritual que, incumprindo as leis, permitía que os notables (pagaban a sepultura) seguisen inhumándose nas igrexas, descartando o seu traslado aos novos cemiterios. Só nalgunhas épocas de gobernos liberais se conseguiría algún avance neste tema, como aconteceu o 8 de xaneiro de 1845 que vai ser a data de inicio da lexislación municipal sobre os cemiterios, sinalándose no punto 8º do artigo 81 a competencia exclusiva dos concellos no tema.

Con todo, as resistencias eclesiásticas aínda se deixarían sentir, alegando sempre ao carácter consagrado dos recintos, que os facía da súa exclusividade e de aí a resistencia aos enterramentos en sagrado de persoas disidentes (polución segundo a terminoloxía eclesiástica) que segundo o Código do Dereito Canónico, salvo sinal de arrepentimento, lle afectaba tamén aos apóstatas, integrantes de sectas heréticas ou cismáticas; masóns e similares; aos excomulgados; aos suicidas; aos duelistas; aos pecadores públicos e aos que decidisen queimar o seu cadáver, medida esta que, a parte da xeira republicana, non permitiría a Igrexa ata 1963, curiosamente aínda baixo o réxime franquista.

Estas disposicións canónicas xa lle viñan creando bastantes problemas ás autoridades civís pois debido ás relacións de España con outros países, xurdían conflitos diplomáticos polos falecementos de estranxeiros doutro credo relixioso.

As disputas polos recintos tamén foron permanentes pois a Igrexa alegaba que o ámbito mortuorio era exclusivo dela, pero asumindo que a creación e os gastos no coidado e mantemento dos recintos corresen a conta do concello. Deste xeito, non sen certas reticencias, ambas institucións chegaron a compartir as chaves para non incumpriren as leis sanitarias sobre os cemiterios.