05 de octubre de 2019
05.10.2019
Faro de Vigo

Anacos de vida que reviven nunha máquina do tempo

Arraianos Producións grava en Bueu un programa para a TVG nun bus dos anos 50

05.10.2019 | 02:16

Bueu é unha das oito vilas que protagonizan a primeira tempada de "Anacos de vida", un novo programa para a TVG para recuperar a través de fotografías a súas historias singulares. Un dos elementos máis chamativos do atrezzo é un autocar da década dos 50 que funciona como unha sorte de máquina do tempo.

Un fermoso autocar azul dos anos 50, da marca Mercedes Benz, chamou onte a atención de moitos veciños de Bueu. Abraiados o vían maniobrar e estacionar na Praza do Concello e os máis curiosos achegábanse a preguntar. O automóbil forma parte da escenografía de "Anacos de vida", cuxa estrea está prevista para finais de ano na TVG. O obxectivo é fomentar un diálogo interxeracional entre os máis novos e os seus maiores, unha relación que se artella ao través de imaxes antigas. Anacos de vida conxelados que sirven para coñecer a historia de cada vila e das súas xentes.

O programa está realizado por Arraianos Producións e o seu director é Aser Álvarez, gañador do Premio Johan Carballeira de Xornalismo deste ano, que convoca a Concellería de Cultura de Bueu. "Imos na procura da memoria gráfica e oral. Nos colexios recollemos fotos antigas que axuden á búsqueda das raíces familiares e que sirven para que os nenos falen cos avós, pais... É unha maneira de recuperar as imaxes e as historias que hai detrás delas a través dun diálogo interxeracional", explica Álvarez.

No caso de Bueu contaron coa colaboración do colexio de A Pedra, cuxo alumnado implicouse e colaborou de maneira moi activa. Boa parte do programa transcurre a bordo do autocar, que simboliza unha máquina do tempo da que saen os presentadores, que veñen do pasado e coñecen o que hai tras eses anacos de vida.

Entre todas as imaxes hai unha que o equipo escolle como a "foto misteriosa" e os rapaces deberán descubrir o que se agocha detrás dela ao través dunha serie de pistas. "Sirve como fío para coñecer outras historias e fotos e en conxunto ter un gran mosaico. É unha forma de coñecer as súas raíces familiares e as historias do lugar no que viven", conta Aser Álvarez.

No caso de Bueu esa instántanea misteriosa ten como protagonista a alguén famoso, de prestixio internacional e moi coñecido durante a primeira metade do século XX... Non se pode dicir máis e para descubrilo haberá que agardar a emisión do programa.

"As fotos pódense dixitalizar, pero as historias non. O programa ten unha vocación de servizo público. Fomenta un diálogo entre os máis novos, que son os que teñen a capacidade para dixitalizar e subir esas imaxes ás redes sociais, e os maiores, que son os que lles poden axudar a entender a historia de cada unha delas", explica o director de "Anacos de vida".

Este proxecto naceu en Celanova e o equipo deseguido viu que era exportable a outros lugares. Esta primeira tempada inclúe un total de oito vilas e o capítulo de Bueu será o encargado de pechala. O equipo de produción contou coa colaboración dunha das persoas que máis ten traballado para recuperar a historia da vila: o mestre e investigador Arturo Sánchez Cidrás. "Escollemos Bueu porque conta cunha historia singular e porque tamén é un reflexo dunha Galicia dinámica e moderna", explica.

A idea é que todo este traballo quede dispoñible a través dunha páxina web e darlle continuidade. A primeira tempada de "Anacos de vida" está previsto que estree a finais de ano e Arraianos Producións baralla organizar unha preestrea no Centro Social do Mar co programa adicado a Bueu.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

BEcontent


"Viaxa mañá", Rías Baixas te espera

No te pierdas el emotivo mensaje con el que la Deputación de Pontevedra se dirige a los amantes de la provincia: "Trabajamos para que puedas volver lo antes posible; lo vamos a celebrar como nunca"

FaroEduca