"Diálogos" pretende ser unha reflexión do autor coa súa obra, coa contorna, unha ollada ao que sucede no mais próximo, no cotiá. Mantejano ven de construír un relatoonde conxuga o obxecto coa luz, cuxo fin é narrar sentimentos, as veces reais e froito da observación e, noutras moitas ocasións reinventados ou recreados en pasaxes históricas ou lendarias, ou tamén escudriñando encadres inusuais, que por esa condición, é habitual que se nos pasen desapercibidos. El patea, observa, analiza e cando se ve convencido, dispara para obter a obra desexada e definitiva.

Montejano, acaso pola condición de home de mar, sente predilección por composicións mariñas, aínda que nesta mostra amosa a súa sensibilidade coa natureza, co medio ambiente, coa paisaxe, e como non, coa figura. Móstrase extremadamente comedido á hora de se seducir polo observado, porén, adoita abordar retos que cando menos sorprenden, como exemplo, tomar como norte e dixerir obras de recoñecidos fotógrafos. Daquela, devora cada publicación á que ten acceso, cada imaxe, cada instantánea que lle atrae, e sen dilación procura achegarse e buscar novo encadre, obter o mellor comportamento da luz e comparar o resultado.

Xosé Montejano, que dedicou a súa vida activa á pesca como mariño surcando mares e océanos, á hora da súa xubilación atraca a porto e desembarca para navegar en terra firme e, se enrolar nesta nova andaina. Desta volta as mareas han ser na procura da imaxe para se recrear e ofrecer ao observador para desfrute, tamén como testemuña da realidade dunha xeografía, dunha realidade e dun tempo. Para iso, con un grupo de persoas forman o Colectivo Fotográfico Abrenoite, asociación que presidira durante a súa primeira singradura.

O norte está marcado, agora toca seguir navegando na procura do infindo, da imaxe desexada, do sublime, do compromiso de atracar a porto deixando nidia esteira e fonda pegada.

A exposición "Diálogos" componse de 22 fotografías e poderá verse en Bueu hasta o 14 de outubro.

(*) Artista de Cangas