O concelleiro de Mocidade de Moaña, Pablo Ríos e a técnica municipal de Normalización Lingüística, Paula Soto, acudiron onte no Pazo da Cultura de Pontevedra o acto de entrega dos Premios Mil Primaveras, en representación do Concello de Moaña que, xunto con 12 concellos, as tres universidades galegas e a Deputación da Coruña, recibiron o galardón na categoría de programa máis innovador polo desenvolvemento do Proxecto Youtubeir@s.

Os Premios Mil Primaveras, convocados pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), naceron para recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que procuren pór en valor e fomentar a lingua e incrementar o seu uso e prestixio. Con eles a Coordinadora pretende valorar e proxectar o labor que se desenvolve no ámbito da normalización lingüística, dar visibilidade a proxectos positivos e seleccionar boas prácticas que poidan servir como modelo e inspiración.

No acto conducido polos regueifeiros Lupe Blanco e Luís O Caruncho, entregáronse os premios aos seis proxectos escollidos polo xurado nesta primeira edición: "Modelo Burela" do IES Perdouro (como proxecto estabilizado), "Falemos de ti e min" do IES de Soutomaior (proxecto novo), "Desafío 48 h" do IES María Casares de Oleiros (pola súa comunicación e impacto), "Youtubeir@s" de 13 concellos, as tres universidades galegas e a Deputación da Coruña (programa máis innovador), "Eu presumo de galego" do IES de Melide ( proxecto destinado á mocidade) e "GCiencia" (proxecto dun ámbito sectorial). O galardón consistiu nunha peza artística de barro de Buño acabado en esmaltes cerámicos, obra de Nahuel Pérez. O Proxecto Youtubeir@s, naceu no ano 2016 para promover e visibilizar o uso do galego a través da rede social de vídeos máis grande do mercado dixital, YouTube, con vídeos de opinión, videotitoriais, canles e creación musical. O proxecto está impulsado polos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, Carballo, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago, Teo e O Grove, das Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo e da Deputación da Coruña, ao cal se sumou o Concello de Moaña no ano 2018.