A Festa Folc de Vilariño cumpre xa vinte anos. O festival segue a sumar anos, grupos... e animais para o seu particular zoolóxico. Esta vez o protagonista do cartel e das camisetas é o raposo, deseñado como co recoñecible humor e estilo do artista e ilustrador Luís Davila. No apartado musical a Asociación Cultural O Gato reunirá sobre o escenario da praia de Vilariño a catro grupos que encherán de música, tradición e festa a noite. Para esta edición tan especial os organizadores conseguiron contar coa presenza dun dos grupos senlleiros da musica folc galega: Luar na Lubre, que presentarán o seu máis recente traballo, "Ribeira Sacra", amais de facer un percorrido pola súa discografía, que comeza no mítico "O son do ar", editado en 1988. Estes mesmos días o grupo gravou un pequeno video subido ás redes sociais mostrando as súas ganas de actuar xa na Festa Folc de Vilariño.

A representación galega nesta edición do festival complétase con Fiandola, un grupo que xa conta con máis de vinte anos de traxectoria as súas costas e que, aínda que se formou en Compostela, conta entre os seus integrantes con músicos do Morrazo. O seu repertorio está orientado ao baile e ao directo e nútrese do traballo de campo dos seus compoñentes, composicións e arranxos propios. En Vilariño presentarán "Cordame", recentemente editado.

Desde Asturias chegarán Dixebra, unha banda composta por nove músicos e que se formou no ano 1987. Son un grupo de rock en asturiano, pero mesturado con sons como o ska ou o folc astur e no que tamén hai instrumentos tradicionais.

O cartel da Festa Folc de Vilariño complétase coa presenza dos portugueses Kumpania Algazarra, que veñen desde Sintra, unha localidade cercana a Lisboa. Son sete músicos que integran unha banda que bebe de estilos como o ska, reggae, rock e que se completa con elementos da música oriental e balcánica. Un cóctel que os seus compoñentes teñen bautizado como "turbofolk".

A programación paralela á Festa Folc de Vilariño incluirá a séptima Mostra de Instrumentos de Música Tradicional, así como unha serie de concertos e actuacións que comezarán a partir do martes. Ese día haberá un encontro pandereteiros; o mércores, baixo a denominación de "Rock no Hío" actuarán Enxeito, Impulsos Criminais e The Lelli Kelly's. O xoves será a quenda de Fantoche Baj, Blanca Altable & Chuchi Alcudrado e o grupo Trébede.

Este ano está a ser especial para a Asociación Cultural O Gato. Amais de celebrar a vixésima edición da Festa Folc de Vilariño, no mes de maio e no marco dos actos do Día das Letras Galegas, recibiron o Premio Xohán de Cangas á Labor Cultural, concedido polo Concello de Cangas.