A compañía Producións Teatráis Excéntricas ten este ano un protagonismo especial na Mostra de Cangas. Hoxe presenta no Auditorio "Carpe Diem", unha montaxe dirixida por Quico Cadaval, que na xornada do venres foi o pregoeiro desta edición do certame. O martes e o xoves Cadaval volverá a estar en Cangas, na Capela do Hospital, nun coloquio co público e o mesmo martes Excéntricas presentará "Vacas, guerras, porcos e cregos", con Quico Cadaval como autor e protagonista. En "Carpe Diem" (hoxe, 22.30 horas no Auditorio de Cangas) o elenco estará formado por María Costas, Marcos Viéitez, Víctor Mosqueira y Mon Orencio. Antes da función a actriz María Costas ["Luci", "Casa Manola" ou "Dhogs"] falou con FARO dunha obra na que unha muller e un home coñécense nunha festa e comezan unha relación "ilícita". Unha historia con cine de barrio, motel barato e un crime.

- Que supón para vostedes estar na Mostra de Cangas, no ano no que ademais o director de "Carpe Diem" é a persoa elexida para o pregón inaugural?

-Pois unha alegría. É unha mostra adicada ao humor, e xa ía sendo hora de que Excéntricas estivese nela, sendo unha compañía que fai un teatro bastante cómico e festivo.

- Como se xestou o proxecto de levar ao teatro un texto de Rubem Fonseca, que en principio está concebido como un conto e non como unha obra teatral?

-Esta é unha pregunta para Quico Cadaval, xa que el é o que tivo a idea. Creo que tiña moitas ganas de levar ao teatro algo de Rubén Fonseca e según el confesa escolleu este conto por ser dos máis 'suaves' del.

- Apuntan que é a primeira vez que se representa a Rubem Fonseca en Galicia e parece que tamén en Portugal. Supón un reto, unha responsabilidade a maiores?

-Sempre é un reto levar ao teatro un texto no teatral, hai unha dificultade engadida, o feito de facer por primeira vez a este autor é un privilexio.

- Que pode avanzar desta historia de dous amantes que deciden iniciar unha relación alonxada dos seus círculos habituais e que inclúe un crime?

-É unha peza deliciosa, cos diálogos divertidos de Rubem Fonseca adaptados por Quico Cadaval, salpicados por cancións moi ben tocadas e cantadas por Mon Orencio (Mr. Cool) e no que tamén teño a sorte de poder cantar un par de cousiñas. Os amantes xogan ás películas, fantasean co cine clásico, que se proxecta na cabeceira da súa cama.

- Sobre o escenario estará tamén o "autor", manipulándoos dalgunha maneira. Cal é o seu propósito?

-Axudarnos a visualizar coa súa narración un Río de Xaneiro que non entraría no escenario, crear imaxes e feitos que non daría tempo a contar nunha peza de unha hora e pico. É unha testemuña de excepción e ao mesmo tempo o suxeito traizoado por eles.

- Un dos aspectos máis chamativos da función é a inclusión de música en directo, algo do que falaba hai un intre, para acompañar parte das escenas

-Si, creo que contribúe enormemente a crear unha atmosfera , a trasladarnos a ese país, a subir a temperatura amorosa?

- A xira de presentación comezou en febrero. Que tal está a ser o recibimento por parte do público?

-Moi bo, aínda que non houbo moitas funcións a sensación é moi positiva.

- Saben se o resultado tamén lle gustou a Rubem Fonseca?

-Non sabemos se sabe que existimos, gustaríame saber que pensaría se a vise. Sería interesante ese feedback.