Fiel a súa cita do Día das Letras Galegas, o Concello de Cangas celebrou onte no auditorio a súa Festa da Cultura. Foi unha edición especialmente emotiva, pois toda a gala estivo trufada de lembranzas ao director do Coro San José e segundo alcalde da democracia na vila, Tucho Perete. Falecido esta mesma semana, Perete gañara precisamente no ano 2013 o Premio Xohán de Cangas. Ademais da súa figura, os protagonistas onte foron o historiador local Anxo Coya, o recoñecido pintor e escultor Lito Portela e a Asociación Cultural O Gato, de Vilariño.

En presenza de representantes de todos os partidos da corporación, a gala estivo presentada por Manuel Chapela, integrante de "Teatro de Cadaquén". A danza foi a protagonista antes dos discursos, pois o escenario acolleu actuacións de danza urbana de Boombox e un espectáculo de fusión de danza africana con muiñeira a cargo de Afro Visap Bump.

A concelleira de Cultura, Mercedes Giráldez, tomou a palabra en primeiro lugar. Lembrou ao anterior titular deste cargo, Héitor Mera, e tivo as primeiras verbas de afecto para Tucho Perete.

Tras as gaitas de Tromentelo a concelleira Ánxela Vizoso foi a encargada de entregar o primeiro galardón da noite. Foi o premio Ignacio Cerviño á Promoción e Recuperación do Patrimonio para Anxo Coya. O historiador sinalou que "é un día grande para min" e citou tanto a súa familia como á presenza de investigadores entre o público.

O premio lle foi concedido polos seus estudos sobre a verdadeira autoría do Cruceiro do Hío, casualmente obra do autor que lle dá nome ao galardón.

Coya puxo en valor ás investigacións de Eugenio Eiroa, "que xa defendía a autoría de Ignacio Cerviño e non de José Cerviño, en base á documentación que atestigua o paso do primeiro polo Hío".

Antes de cada premio se proxectou un vídeo cos méritos dos premiados. A propia Mercedes Giráldez entregou a Lito Portela o Premio Xohán de Cangas á Creación Artística. O autor da famosa "Caracola" de Donón se considerou, ante os presentes, "un facedor de cousas, máis que un artista". O vídeo proxectado foi grabado precisamente na súa coñecida obra da Costa da Vela.

Portela explicou que o eixo que percorre toda a súa producción artísitca é "a confluencia entre a natureza, o paso do tempo e a idea do territorio".

Tras unha peza musical en memoria de Tucho Perete actuou o coro do Conservatorio e Escola de Música de Cangas. Despois o alcalde, Xosé Manuel Pazos, fixo entrega á Asociación Cultural O Gato do premio Xohán de Cangas á Labor Cultural. O colectivo leva 20 anos de actividade organizando eventos como a multitudinaria Festa Folc de Vilariño. Os seus integrantes reivindicaron que "as asociacións somos algo máis que catro gatos. Detrás está o traballo de moita xente co obxectivo de xuntarnos e compartir". Cunha figura do famoso "gato de Vilariño", os premiados fixeron unha defensa dos valores tradicionais como a aldea, a cultura e a fala. Fixeron tamén un chamamento ás institucións para que se involucrasen máis coa Cultura.

O rexedor rematou a gala cun discurso no que voltou a estar presente á figura do finado director do Coro San José.