Poucos artistas poden presumir de divulgar a súa obra nun escenario natural e tan visitado como o mirador de Donón sobre a Costa de Soavela no que se asenta a súa "Caracola" de aceiro inoxidable. Unha peza emblemática que aparece en folletos institucionais pero tamén en carteis publicitarios, públicos e privados, así como en milleiros de fotografías ás que lle sirve de marco. Pero o morracense Lito Portela (Coiro, 1958) , asentado en Moaña, ten unha ampla traxectoria profesional como artista autodidacta que explora nos campos da pintura e a escultura, que lle teñen valido outros recoñecementos antes desde "Premio Xohán de Cangas á Creación Artística" que considera á súa traxectoria máis que a unha obra concreta e que agradece. "Sempre gusta que pensen en tí. E como non o esperaba, sabe mellor", recoñece na véspera de recollelo.

"A xente que visita a Caracola coñécea a ela máis que a min. É unha peza que funciona soa, pero a min coñécenme polo conxunto do traballo realizado, que vai máis alá, polas obras que expoño por toda Galicia", reivindica este membro destacado do colectivo "A Carón do Mar", que agrupa a varios artistas desa xeración e que mesmo tivo unha galería de arte no centro de Cangas, que a crise pechou, ainda que manteñen a porta aberta á colaboracións conxuntas. A título individual, Lito Portela acaba de expoñer en Vigo a segunda parte do proxecto "Máis alá da paisaxe", que tivo unha primeira parte en Santiago e da que xa traballa nunha terceira. Esta noite fará un paréntese para recoller o premio Xohán de Cangas e agradecelo: "Que te recoñecen polo teu traballo e na túa terra sempre é bo", sentencia.