Xosé Daniel Costas Currás (Moaña, 1981), preséntase por vez primeira nunhas listas electorais, como número 8 da lista do BNG para os comicios locais do vindeiro 26 de maio. Escritor e activista cultural, é sobre todo coñecido polos premios acadados cos seus poemas. Publicou tres poemarios en solitario. Tamén é o vicepresidente da Asociación de Veciños Praia-Seara.

-Por que deu agora o paso de participar en política?

-Falaron conmigo compañeiros do BNG que están na corporación municipal para entrar nese oitavo posto. Tratarei de traballar igual que fago no tecido asociativo e cultural. Quero traballar para ese tecido dende un goberno local.

-Xa militou no BNG con anterioridade, pero agora vai como independente. Por que deixou a militancia?

-Deixei de militar porque non me atopaba globalmente na organización, pero non me fun en ningún proceso de ruptura, foi algo máis persoal. O deixei vai anos de xeito anónimo. Entendo a política como un proceso de unión das persoas e canta máis unión entre todas as organizacións progresistas mellor me sinto. Pero nunca deixei un inimigo no BNG, porque son xente que pensa coma min, que ten os mesmos intereses e teñen ideas claras de defensa da lingua e da cultura. Sería incongruente ter inimigos nese ámbito.

-Que mirou no BNG moañés para ir na lista baixo as súas siglas?

-Paréceme que nestes últimos catro anos fixeron un traballo importante. Traballaron de xeito desinteresado para participar e activar a vida social de Moaña. A potenciaron facendo diferentes actividades e coidando a economía local. Poden gustar máis ou menos as cousas que se fan, pero houbo unha defensa clarísima de todos os sectores, de xeito participativo.

-Vai de número oito, e o BNG ten agora mesmo seis edís. Ve opcións de saír elixido?

-A idea do BNG é subir, para iso nos presentamos. Acadar oito edís sería rachar un teito de cristal. Con Xosé Manuel Millán como alcalde acadáronse sete edís. Penso que hai traballo suficiente feito como para ter uns bos resultados e para poder traballar e aplicar políticas diferenciadas no ámbito social e cultural.

-A lista leva a varias persoas destacadas do mundo da cultura como vostede ou Juan Parcero. Como valora esa situación?

-Juan Parcero vai de número dous e ten que asumir unha relación máis ampla cos resultados. É positivo que en toda a lista haxa distintas persoas que poidan asumir determinadas áreas. Pero o noso obxectivo non será levar a área de cultura, senón traballar dende distintos ámbitos para o tecido cultural. Hai que facer novas políticas culturais pero, sobre todo, ir da man do tecido e mellorar programas existentes. Gustaríame que a cultura chegase a todos os ámbitos, pensando en todas as persoas con independencia da súa capacidade de asimilación.