"En lembranza de Anxo Gago "Lito" e en homenaxe a quen ama a música tradicional galega". Este sinxelo texto ao pé dunha gran gaita feita a partir de metal galvanizado da fe da profunda pegada que deixou o mestre Anxo Gago "Lito", finado hai agora un ano. A escultura está feita a partir de pequenas arandelas metálicas, algo que deu lugar a algúns fermosos paralelismos. "É como se cada arandela fose un gaiteiro e todas xuntas formasen unha gran gaita", dicía a filla de Lito, Susana Gago, na súa emocionada intervención. Unha intervención na que deixou outra mensaxe: desfrutar da música tradicional e espallar o gran legado que deixou o seu pai.

A escultura foi feita polo artista ourensán Adamo Cid e colocouse no entorno do aparcadoiro do adro do Hío. Moi preto do afamado cruceiro e con vistas inmellorables sobre a ría de Aldán-O Hío. "Estamos nun lugar emblemático, que nada ten que envexar a eses do banco máis fermoso do mundo", suliñou á súa vez o alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos.

Nun acto de lembranza e homenaxe a un gran mestre gaiteiro non podía faltar a música tradicional. Os encargados de abrir foron os integrantes do grupo Os do Serán, integrado por veciños de Vilanova e que foi a última formación da que formou parte Lito. Tocaron dúas pezas: unha composición do propio homenaxeado e unha adaptación dunha peza popular.

Este recoñecemento xunto no Hío ao redor dunhas 200 persoas, entre veciños, familiares e músicos, moitos músicos. Entre os presentes estaba tamén o deputado provincial de Lingua e Cultura, Xosé Leal. A meteoroloxía onte non axudou e obrigou a acortar algunha das intervencións musicais. A Banda de Gaitas Tromentelo interpretou "Muíñeira de Vilariño" e os encargados de pechar foros os integrantes da Banda de Gaitas Manxadoira de Bueu, da cal Anxo Gago "Lito" foi director fundador. Manxadoira fixo unha adaptación para interpretar nunha sola peza dous valses compostos por Lito: "Agulliña" e "Vals de Manxadoira".