Alcaldesa de Moaña dende o 2015, Leticia Santos -de 33 anos e natural do barrio do Casal aínda que residente en Caiagua- foi a primeira muller en asumir ese cargo. Deu o salto á política activa precisamente para liderar a candidatura do BNG hai catro anos. Confía en levar á formación nacionalista a ser a forza máis votada o vindeiro 26 de maio. Este venres foi ratificada como candidata polos militantes.

-Antes de nada. Nos últimos meses encabezou varias marchas contra a Consellería de Sanidade. Os recortes sanitarios son o maior problema que ten Moaña?

-Ter unha sanidade pública digna e cos medios que se precisan é fundamental para a igualdade de oportunidades. Que vaias ao centro de saúde cunha urxencia e ninguén te atenda é unha cuestión que afecta á vida das persoas, consideramos.

-Tivo dúbidas á hora de encabezar de novo a lista do BNG?

-Antes de tomar decisións pondero os pros e os contras. Neste caso o resultado era positivo a favor de voltar a presentarme. Claro que me preocupaba o custe persoal que ten a adicación de todo o ano e 7 días á semana que temos no Concello eu e o meu equipo. O único que non perdono son as comidas coa familia as fins de semana.

-Vai pedir o voto para catro anos máis. Que cousas importantes lle quedan por facer á fronte do Concello?

-O voto hai que pedilo polo que levamos feito. Conseguimos darlle á volta a unha situación económica na que o Concello estaba ao borde da intervención por parte do Estado. Iso nos permitiu ser autónomos e elaborar orzamentos con participación veciñal. Pero en catro anos non dá tempo a deixar resoltos os temas máis grandes, que temos encauzados.

-A que temas se refire?

-Cinco grandes proxectos. Nos orzamentos de 2019 haberá unha partida de 300.000 euros para urbanizar os terreos para o novo centro de saúde. É necesario un goberno comprometido para defender que a Xunta constrúa ese centro. En segundo lugar, temos o proxecto do auditorio actualizado e agora estamos traballando para rematar a urbanización dos terreos para poder comezar a súa execución. Temos que obter os fondos tamén. A terceira cuestión importante é buscar unha solución de consenso á zona do paseo da Seara, que poña en valor o ámbito. Queremos facer da protección das carpinterías e de abrir a zona ao mar un reclamo para a veciñanza. Imos a conseguir por fin as autorizacións necesarias.

-E os outros dous asuntos que teñen pendentes?

-Un deles é o Camiño Real. Estamos preparando a súa licitación. É unha aposta de comunicación con Cangas a través de mobilidade sostible. Conseguimos os recursos dun proxecto partido da participación veciñal. Vai ser a rúa peonil máis longa de toda Galicia. O outro proxecto é o de mobilidade segura na estrada de Abelendo. Estamos a punto de resolver o convenio para executar a primeira fase, á espera de que a veciñanza que non cedeu se convenza da utilidade desta actuación.

-Non acadar todos os terreos da estrada de Abelendo é a gran espiña que ten clavada?

-Non puidemos facer máis. O Concello deu toda a información e facilidades. Visitamos porta a porta a todos os propietarios con afeccións. A propia veciñanza recoñece o traballo do Concello. Queremos que os que non cederon, ao ver a primeira fase, se convenzan e teñan a ben acompañar a xenerosidade do resto dos veciños.

-Os dous grandes temas cos que os atacou á oposición son o paseo de Seara e os verquidos de augas sen depurar. Son asuntos de tanta gravidade?

-Por suposto que os verquidos á ría son graves. Non hai que restarlle importancia. Pero cando detectamos un problema buscamos os recursos para solucionalo. Cada deficiencia no sistema de separación de fecais e pluviais se vai atender con rigurosidade, como se está a facer. Instalamos un control no punto de alivio que envía mensaxes ao Concello e á Confraría de Pescadores. Pero é neglixente que se poña en dúbida a calidade das nosas augas e do noso marisco. Todas as certificacións sanitarias son boas. No tema do paseo, quedou claro que o anterior goberno o iniciou sen autorización de Costas e o proxecto non se adaptaba aos condicionantes de Patrimonio. A zona non precisa o proxecto de Fervenza. Chamo ao PP e a XM a que se sumen á mesa de diálogo para un proxecto de consenso. Están a tempo.

-Hai tempo, antes do 26 de maio, para poñer os terreos do centro de saúde á disposición da Xunta?

-Hai moitos trámites que non dependen do Concello. En canto asinemos a constitución da unidade de xestión aprobaremos en pleno o plan especial. Correrá o tempo de prazo para que resolva a Consellería de Urbanismo. Cos 300.000 euros para 2019, este ano a urbanización ten que estar completada.