Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ronsel de lembranzas

A Cepa edita un primeiro volume que recolle a historia de persoeiros importantes de Cangas

A empresaria Andrea Fresquet, unha muller cunha gran visión de negocio. Abriu o baile da Palma e promoveu o Cine Avenida.

Pasan os anos, pasan as persoas e, no seu pasar deixan un ronsel de lembranzas.

Lonxe, emigrante en Bos Aires, ao noso veciño Félix Soaxe acórdalle a súa vila natal e envía planos e financiamento para construír o edificio do mercado. Os veciños encárganlle ao escultor Asorey un monumento na súa honra.

A carón da capela do Hospital, no café Cosmopolita, os mariñeiros falan da estación meteorolóxica, impulsada por Álvaro Guitián; lémbrase a figura de Alfredo Saralegui, fundador dos Pósitos e, doutro mariño que fixo da defensa da pesca e do mar, o seu norte, Félix de Ozámiz.

Na alameda inaugúrase o palco da música e os recordos van para os primeiros compoñentes da banda formada arredor de Marcelino Carballo. No antigo teatro dos Cabanelas hai ambiente festivo con actuacións de Pepita de Oro e no baile La Palma de Andrea Fresquet actúan as mellores orquestras. Anos nos que saían as comparsas e os coros das Pepitas do mestre Tenreiro, da famosa peña Machaca formada Manolo Chilola e co facer de Silveria coas bandeiriñas para as procesións. E sempre armando xolda e baile o Choqueiro, os Airiños do Castelo e Xesús O Carballeira que difundiron o noso folclore e animaron os seráns.

Dende as rúas encostadas do Costal coa fábrica de gasosas, que nos trae a Zabala á memoria, camiñamos co maxín até a escola do Adro de Manuel Mosquera (Barbicas) e a academia Morrazo de Bernardino Graña, e chegamos ao barrio mariñeiro do Forte onde está o local do Danubio Azul de Ramón Ocaña, fotógrafo que soubo inmortalizar coas súas imaxes, vidas e paisaxes.

Tempos de esperanzas e melloras cando os mariñeiros se organizan no sindicato da Alianza Mariñeira na novo local da Lonxa, liderados por Manuel Nores (Taratola), cando o mestre Felipe Carnicer dirixe a escola de Pesca e a mestra Asunción Pacheco chega a Coiro dende as terras de Castela.

A terrible guerra e a represión que provoca a morte do alcalde Echeverri, de Lorenzo Corbacho, dos mestres Víctor e Vicente e de tantos outros. O exilio de Rafael Rodal e de Oliveira. Manifestacións crueis que van afectar a moitas familias da vila rompendo a convivencia. Veñen anos de silencios, emigración e miseria.

O labor solidario da comadroa Teresa Martínez, do seu irmán Angel e dos médicos Xosé Piñeiro e Luís Santos. Anos de conversas con Jose María Castroviejo, das choronas de Cangas como A Pechencha, de admirar as figuras da semana santa pintadas por Venturiña e de Angelina Pazó coidando a capela de S.Pedro.

Tempos dos arriscados Piñeiros da Rocha que baixaban nos carros coas piñas e cos feixes de leña e tempos de agardar na cola do gas animados polo humor de Serafín. A familia Pereira traendo produtos do Ribeiro e levando o polbo para o Carballiño.

E tempos de estudos, rezos e sermóns cos cregos Manuel Graña, Andrés Salgueiro e Valentín Losada e de retiro e traballo para as monxas da Compañía, Isidora e Griselda, axudando ás xentes da vila nuns tempos de moita escaseza.

Por aquí estiveron fotógrafos viaxeiros, alemáns, suízos, cataláns e a norteamericana Ruth Matilde Andersen que achegaron moitas imaxes da vila. E escritoras como Sarah Lorenzana e Concha Castroviejo, mulleres literatas e pioneiras.

Espertamos do soño. No extremo escóitase a buguina da máis moderna conserveira de Europa dirixida por Gaspar Massó, con máis de dúas mil mulleres traballando nela. E volven as lembranzas daqueles partidos de fútbol nos tempos de Pinilla como titular indiscutible.

Na parroquia do Hío, Ignacio Cerviño deixou labrado o símbolo máis destacado de todo Cangas. No adro traballou o cruceiro de cruceiros. E lonxe, moi lonxe, nas Antillas, Ángel Botello pintou cadros cheos de colorido a as nosas vivendas mariñeiras.

Alá van estas lembranzas recollidas das memorias das persoas coas que compartiron vida ou que ocuparon un espazo no seu maxín. Un traballo de recolleita feito co respecto e agarimo que merecen.

Con este libro queremos facer un achegamento ás xentes que deixaron oco na memoria colectiva e coñecer a época na que viviron. Persoas que deixaron un ronsel de lembranzas para todos nós.

No mar de Cangas, no outono de 2018.

*Secretario de A Cepa

Compartir el artículo

stats