Coa lectura do poema "Images" comezou onte o roteiro literario centrado na figura do escritor, xornalista e antigo alcalde de Bueu José Gómez de la Cueva "Johán Carballeira". A encargada de facer de cicerone foi a escritora e poeta bueuesa Lucía Novas, que comezou este percorrido polos lugares vitais de Carballeira diante da praia de Pescadoira. Foi un paseo de cerca de dúas horas, nas que a autora fixo unha introducción á figura e obra de Carballeira, quen enmarcou no gran dinamismo político, social e cultural do Bueu previo á Guerra Civil.

O roteiro comezou en Pescadoira porque alí viviu a familia de Gonzalo Torrente Ballester e o propio escritor antes de casar. O seu pai estivo destinado en Bueu e Torrente Ballester entablou amizade con Carballeira, ata tal punto de que o xornalista e poeta foi unha das testemuñas da voda entre o escritor e Josefina Malvido, no mes de maio de 1932, como contou Lucía Novas.

Sen despegarse do frente litoral o roteiro fixo alto no Museo Massó. Alí a escritora bueuesa falou da amizade que unía a Johán Carballeira cun dos patronos da fábrica e impulsor do museo, Gaspar Massó. O empresario, lembrou, acudiu incluso a testificar a favor do antigo alcalde no Consello de Guerra aberto contra el, aínda que o seu apoio non foi suficiente para evitar a pena de morte, tal como logo se explicaría.

A seguinte escala foi á altura do número 155 da Avenida Montero Ríos, no barrio de Banda do Río. Nesta vivenda da familia Novas estivo aloxado durante comezos da década de 1930 o publicista Federico Ribas, que traballaba para os Massó e que tamén foi amigo de Johan Carballeira. Un lugar no que Lucía Novas lembrou a historia de como Gaspar Massó foi quen de trasladar a Ribas no maleteiro do seu coche posto que o artista tamén era perseguido polo bando falanxista. Tanto neste punto como na seguinte parada, a antiga taberna de Escáneo (tamén na Banda do Río), o roteiro fixo especial fincapé na efervescencia cultural no Bueu daquela época, polo cal pasaron o escritor venezolano Rómulo Gallegos (que en 1948 chegaría a ser presidente do seu país); a artista Maruja Mallo, que no verán de 1936 estivo na Praia de Beluso, de onde saiu co "Caderno de Bueu", un traballo que marcaría a súa obra posterior; ou o fotógrafo José Suárez coa súa icónica serie "Mariñeiros", que tamén influiu en Maruja Mallo. Esa actividade tamén se reflectía a nivel político: "En Bueu había 70 afliados ao Partido Galeguista, a segunda maior agrupación de Galicia, só por detrás de Rianxo [a vila de Castelao]", explicaba onte Lucía Novas. Tamén lembrou que o propietario desta taberna da Banda do Río era Francisco Escáneo, unha das personaxes máis facilmente indentificables en "Los gozos y las sombras" de Torrente Ballester [o Cubano] e que, xunto a Carballeira, foi outra das testemuñas na voda do escritor.

A faceta máis política chegaría a continuación, coa parada diante do Concello de Bueu. Carballeira exerceu como alcalde entre marzo e xullo de 1936 e Novas falou dalgunhas das súas decisións e retos, como as xestións para acadar un prezo mínimo para a sardiña.

A escasos metros da casa consistorial están os inmobles nos que naquel momento estaban a Axundantía Militar e a antiga taberna dos Dopico, que era da familia da entonces moza de Johan Carballeira. Alí pasou as horas posteriores despois de ser obrigado a renunciar ao cargo de alcalde nos días posteriores a sublevación militar, tal como esgrimiu no Consello de Guerra para demostrar que non estaba relacionado coa tentativa de dinamitar a ponte dos Beixeses, na parroquia de Ardán.