A Vilariño Folc esperta cedo para preparar e celebrar o seu día grande. Dende esta mañá desenvólvense actividades que son o anticipo aos catro concertos da noite: Habelas Hainas, Korrontzi, Eskorzo e Banda Xangai.

Pasarrúas, obradoiros e mostras de instrumentos tradicionais invitan a pasar o día no entorno natural da praia de Vilariño que respira as melodías das gaitas, bombos, zanfonas e pandeiros da festa. Tras desfrutar do churrasco e mexillóns do xantar popular do mediodía, ás 18.00 horas comezan os xogos populares para os máis cativos que animan aos maiores.

En lembranza de Anxo Gago "Lito", creador da popular Muiñeira de Vilariño, Miguel Sotelo ensinará ás 20.30 horas os pasos necesarios para que aprendan a seguir o ritmo cando a Banda de Gaitas Tromentelo a interprete no escenario. Xurxo Souto, o vocalista coruñés da Banda Xangai, será un dos que homenaxearán ao falecido cunhas palabras antes dos concertos. "Lito é o gaiteiro do mar", nas súas palabras.

O grupo Habelas Hainas inicia os concertos da noite ás 22.00 horas. Sandra Tamayo, Patricia Gamallo, Arantza Alfaia e Jara Ortiz son as catro compoñentes que se encargarán de amosar o seu son fresco, enérxico e orixinal ao público. Interpretarán unha reactualización da canción popular para avivar a tradición galega.

A Banda Xangai será o derradeiro grupo por actuar, despois de Korrontzi e Eskorzo. Interpretarán "O Gato",a típica canción de Vilariño do ano 1956 que conta a historia dese felino "Artista"que escapou do saco. "Farémolo na súa versión orixinal para reivindicar o Bravú,a emoción, o entorno, Vilariño e aos gaiteiros e camiños do mar", sentencia. A Banda colle o alcume do tren que durante décadas uniu Galicia con Cataluña, o Xangai. Entre as filas do grupo xúntanse nomes importantes da música galega, de bandas xérmolo do movemento Bravú. Esta noite estarán acompañados por García MC, famoso cantante de Dios Ke Te Crew.

O coruñés tamén fai un chamamento a valorar o modelo de festival galego. "Eu síntome moi acollido no Morrazo, para min a Vilariño Folc é un referente, atopas un entorno espectacular, a praia, as actividades, os xogos para os nenos, comidas, cantos de taberna... É a festa tradicional levada aos novos". Nas súas actuacións, a fronteira entre público e banda non existe, nin entre música e literatura. Segundo Xurxo Souto, "ao outro lado da música, sempre está a poesía".