Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O Morrazo no levantamento de 1846 (I)

O pronunciamento tivo lugar en abril daquel ano, durante a minoría de idade da raíña Isabel II

Os xenerais Espartero e Iriarte. // Arquivo autor

Como levantamento militar a secas ou como soerguemento revolucionario foi definido por diversas instancias literarias e históricas, este curto pero intenso episodio da historia de Galicia, case obviado pola historiografía oficial española e descoñecido por moitos galegos. Como testemuña material destes feitos queda o monumento erixido en 1904 en Carral (A Coruña) ao xeneral Miguel Solís e aos seus oficiais, fusilados o 26 de abril de 1846 ao fracasar o soerguemento cívico-militar. Dez anos despois desta execución e xa baixo o goberno de Espartero, promotor do soerguemento en Galicia, nomearíase como "beneméritos da Patria" aos trece fusilados e incluso as Cortes españolas lles concederían a título póstumo a "Cruz ao valor e a constancia".

Antes deste levantamento liberal-progresista, houbo outros que tiveron repercusión en Galicia e en Vigo, cidade que habería ter outra vez protagonismo no acontecido en 1843 pola caída de Espartero. Non imos deternos nos pormenores deste levantamento pero si cabe deixar constancia da súa relación con este de 1846 polo papel que en ambos pronunciamentos xogaron os xenerais Espartero desde Inglaterra e Iriarte desde Portugal, onde estaban exiliados.

Xa naquel levantamento liberal do 24 de outubro de 1843, Cangas veríase afectada por algúns feitos relacionados con este movemento ao ser detido pola Xunta Revolucionaria viguesa o Administrador das Rendas locais polo que esixían como rescate 70 onzas (8 escudos ouro cada onza) ou a aportación de 70 soldados licenciados, é dicir, expertos no uso das armas.

Descoñecemos como se resolveu este asunto pero sabemos ademais que o vapor inglés que recolleu ás catro da mañá en Vigo a oito ou dez membros da fracasada Xunta Revolucionaria, estivo fondeado en Cangas desde bastantes horas antes para levar aos líderes cara ao exilio en Inglaterra. Coincidindo con este feito, tamén se atopaba no porto de Cangas a imprensa que con todos os trebellos de impresión traía o impresor portugués José Araújo para a edición de proclamas, ordes e quizáis un novo Boletín Oficial da Provincia de Vigo pois estaba na intención dos liberais sublevados a restauración da mesma.

A pesar do fracaso liberal, a imprensa sería instalada en Vigo e utilizada polo impresor Gabriel Román para editar un xornal de anuncios de balde chamado "El Gratis".

O levantamento de 1846 en Cangas

O Concello estaba conformado nestas datas por tres parroquias que sumaban pouco máis de 4.300 habitantes, dos que a metade residían na vila que contaba xa con numerosos servizos como escola, farmacia, médico, tendas e moitos tratantes de viño, ademais de teceláns e muiñeiros. Pola resistencia ofrecida por parte dos mariñeiros de Cangas, os fomentadores cataláns aínda seguían instalados no Hío e Aldán que desta pertencían administrativamente a Bueu. O boticario e máis o médico locais eran dos maiores contribuíntes, xunto cos tratantes, comerciantes e terratenentes herdeiros das fidalguías de antano que agora optaban pola dedicación militar ou política. Cangas, refuxiada nos recursos do campo, vivía tempos de moita penuria social pola escaseza de peixe nas rías e as subas de impostos destinados ao clero e a actos relixiosos e tamén a custosas obras públicas, acentuaban ainda máis esta situación.

Neste contexto, o día 5 de abril, catro días despois do pronunciamento de Lugo, o xefe político (gobernador) da provincia de Pontevedra, Juan Paz y Rodríguez, e o comandante xeral da mesma, brigadier Antonio Tojo, tentan manter a orde a través de dous bandos publicados nun Boletín Oficial da Provincia extraordinario.

O primeiro declara o estado de excepción na capital e na provincia e o segundo, en seis puntos aclara o que conlevan os delictos de resistencia ás suas ordes e o de sedición que prohibe as xuntanzas sediciosas en rúas e prazas. Asimesmo dalle ordes aos alcaldes para que extremen a vixilancia sobre transeúntes, indocumentados e sospeitosos de seren espías ou enviados estranxeiros que poidan apoiar aos sediciosos. Tamén prohíbe, con pena de arresto, o aloxamento particular de forasteiros, as voces subversivas, a difusión de noticias alarmantes e as armas sen a correspondente licencia.

En cumprimento deste bando e por comunicados oficiais, as autoridades pídenlle aos alcaldes do Morrazo que adopten medidas excepcionais e por un informe interno enviado ao gobernador, sabemos que o alcalde de Cangas Josef Ramón Sequeiros, na mesma noite do día 5, xa tomara medidas, para "impedir que se realizasen los planes de los trastornadores, montando unha patrulla de confianza por la noche y por el día usando de la observancia reservada por si algún díscolo osaba levantar la cabeza y si transitaba algún desconocido que infundase sospecha para el arresto en su caso y más..."

A pesar destas precaucións das autoridades oficialistas, o 9 de abril prodúcese inesperadamente o pronunciamento en Pontevedra da man do capitán da Garda Civil Manuel Buceta, ao que se adhere o reximento provincial de Segovia, acantonado na capital. Deseguida, noméase unha Xunta presidida por José Mª Santos que inicia actos de depuración e detención de persoas, organizando un exército popular cuxo núcleo era a Milicia Nacional. Nos días seguintes ordénase a requisa de armas, non saír da cidade, manter a orde e adherirse ao soerguemento.

Na madrugada do día 10 vaise sublevar Vigo, nomeándose unha Xunta revolucionaria e neste mesmo día, Marín vai nomear tamén a sua Xunta Local, encabezada polos alcaldes 1º e 2º, Francisco Miguélez y Bonirroy e o cirurxán Pedro Rodríguez que se desprazan con outros a Pontevedra a recoller armas.

O mesmo ocorre en Bueu, onde fan demitir ao alcalde oficial Juan Lovera, sendo sustituida a corporación por Salvador Martínez e Ramón Martínez como 1º e 2º alcaldes e Juan Benito de la Torre, Manuel Franco y Santos, Alberto Carballo, Manuel de Novas e Ramón Gutiérrez como rexedores.

Aínda que existen datos sobre a adhesión de Moaña non consta que houbese mudanzas na corporación municipal.

*Mestre e investigador

Compartir el artículo

stats