Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Teatros fronteirizos: Nelson Quinteiro e Cinema Sticado

Antón Lamapereira céntrase nestas crónicas no espectáculo no que non están definidos os límites entre teatro, danza, música e circo

Nelson Quinteiro Producións é, na actualidade, unha produtora artística especializada en servizos de comunicación corporativa, animación, danza e teatro na rúa. Diferentes festivais relacionados co mundo do circo, o cabaret e a cultura popular levan o seu selo como, entre outros, "Parranda&Trucks" (Portonovo) "Pequeno Circo de Nadal" (Rianxo), "Pequeno Circo de Entroido" (A Coruña) "O Bosque de Nadal" (Pontevedra), Festival Galego de Cabaret (Redondela) ou "Pequeno Circo de Primavera" (Marín). Tamén se lle presta especial atención ás propostas musicais como poden ser "Supercantos", "Mais Cantos" e tamén aos espectáculos con música en directo.

Nelson Quinteiro (Cangas 1979) asume agora o rol de produtor sen deixar de ser cantante, actor, bailarín, guionista e director de escena. De feito mergúllase no mundo do clown no Festival Tran Tran de pallasos de Forteventura e mesmo está contratado recentemente como artista hospitalario na Fundación Theodora. É pois a súa traxectoria unha intensa e poliédrica dedicación ao mundo das artes escénicas e musicais.

O veleno da música e o teatro foi entrando na súa vida en pequenas doses. Entre os 11 e os 17 anos a súa estadía no Seminario Menor da Asunción, en Santiago de Compostela marcou moito o seu futuro debido á afección que alí colleu polo mundo da representación e do canto. " Sen determe no aspecto vocal, que foi o principal proveito desa singladura, en teatro fixemos Entremeses variados. Pequenos actos litúrxicos. Algunha breve comedia do século de Ouro ou pases do Lazarillo de Tormes", comenta.

Áo ler esta declaración de Nelson, lembro como tamén Celso Parada, Sito, sinalaba nestas Crónicas do Teatro como a súa estancia no Seminario influira na súa vocación teatral. Un fenómeno explicable pois a liturxia católica non deixa de ser "unha posta en escena" dos seus propios dogmas desde a celebración da misa, aos cánticos e as procesións?

Pois ben na súa evolución o verme do teatro sigue medrando cando cursa en bacharelato a EATP- TEATRO - impartida nesta ocasión polo cronista que subscribe- mais nesta época tamén lle dedica moito tempo e enerxía á música e ao baile tradicional chegando a profesionalizarse como pandereteiro e contacontos botando man das cantigas e contos populares. Todo isto até os 21 anos.

E respondendo ao cuestionario enviado, escribe: "A partir daquela - ano 2001 aproximadamente- foi o descubrimento personal do festival EN PÉ DE PEDRA e o coñecemento da Compañía Matarile Teatro de Ana Vallés, ou o achegamento como espectador ao traballo de ESPAZO ABERTO de Carlos Neira o que me fixo caír ferido de gravidade por este verme das artes escénicas e centrar a miña vida arredor dela, deixando de lado, polo menos no plano profesional, aspectos como a miña licenciatura en Ciencias Políticas ou o meu traballo como consultor para a administración pública.

- Que vivencia ou vivencias lembras con máis forza?

Pois a miña chegada ao cabaré, da man primeiro dun obradoiro-montaxe da man de Ángel Burgos e Luis Santamaría e logo poñendo en marcha o 1º Festival Galego de Cabaré, un éxito sen precedentes (aínda temos o record de aforo no Auditorio Gabriel García Márquez de Oleiros) que me fixo adicar os meus pasos cara este xénero sen nengún tipo de dúbida.

- En que montaxes participaches.

Como actor principal e director teño participado en montaxes, tanto de sala como de rúa para a Compañía Femme Fatale nas que tamén era guionista e coreógrafo. Podemos mencionar Lerchas, As Nenas Perdidas, Unha cadeira para mover o mundo, Batallón Literario, Brancas Itinerario Escénico Urbano, Azul Manifesto Vangardista, Sete mantas e un sombreiro, A Salto de Cama, Master Class Cabaret, Bonjour Bonjour!, Caligrafías Torcidas dun Neno Perdido, ou todas as edicións das galas do Festival Galego de Cabaré, excepto a do ano 2008 que dirixíu Guillermo Wieckert, etc...

Como director, sen formar parte do elenco teño levado dúas montaxes, Varadas, primeiro coa Compañía Femme Fatale e logo coa vasca hACERÍA Arteak de Bilbao. Tamén a montaxe "Babel. Canto de Sirenas" que logo dará pé ao guión da película "Sextravaganzza" para Borja Brun (en montaxe).Na esfera da música e danza teño participado en "As Mans Perdidas", "Danza e Contradanza" ou "Gharbo!" en co-producción co Centro Coreográfico Galego (2012) No 2013 edito o meu primeiro disco "Orquesta Gharbo!

Foi este un traballo editado grazas ao crowdfunding ou micromecenazgo. Un xeito de financiación de proxectos sociais ou culturais no que os impulsores poñen a disposición de quen desexe colaborar diferentes vías de colaboración asociadas a diferentes recompensas. Realmente o que se adquiere é un produto que de non ser por ese apoio colectivo e participativo probablemente non chegaría a realizarse ao non seguir as imposicións do mercado ou ser incómodos políticamente.

-Que lecturas e mestres che axudaron máis?

Encantoume traballar con Guillermo Weickert na súa faceta de mestre de danza contemporánea. De verdade que fixen varios cursos con él e confeso que estaba francamente namorado do seu xeito de transmitir a arte escénica -non só a danza-. Á hora de dirixir cabaret non me gustou tanto, pero iso xa é outro conto. Teño que falar de Antón Lamapereira , pois cando nos deu clase bregaba con adolescentes e os seus egos, e sen embargo soubo transmitirnos un grande amor polas táboas e conseguir grandes resultados de nós.

Sen embargo coido que a mellor mestría da miña carreira foi a das miñas compañeiras e compañeiros de reparto ou as persoas que tiven que dirixir. Iván Villar, Alba e Laura, de Nova Galega de Danza. Nuria Sotelo. María Polo. Cristina Mariño. Enma Silva. Uxía Vázquez. María Garat. Fabiana Gastaldello. Bea Bravo. Yolanda Paz. Ademar Silvoso. Alba Troiteiro. Paloma Saavedra. Alberto da Sinda. Jesús Graña "Chusmi". Sue Moreno. ... e un sinfín de artistas que compartimos ensinanzas, técnicas, quencementos, impresións. Esa, para min foi a ESCOLA con maiúsculas. 10 anos de traballo que agardo sigan funcionando e avanzando.

En canto a libros, a verdade é que lín bastante de teoría teatral. Dependendo da época o meu interese pendulou entre varias tendencias. Vouche contar os libros que teño agora mesmo diante dos meus ollos. Dende o "Glosario Ilustrado de Las Artes Escénicas" de Jose Luis Ferreira Esteban a "El clown, un navegante de las emociones" de Jesús Jara. "El cuerpo poético" de Jacques Lecoq ou o "Manual Mínimo del actor" de Darío Fo. "El espacio vacío" ou "La puerta abierta" de Peter Brooks. "Teatro del oprimido" de Augusto Aboal...

-que motivo ou motivos tiveches para facer do teatro o teu oficio?

Vocación, vocación e vocación...

Compartir el artículo

stats