10 de febrero de 2018
10.02.2018

A gaita de Lito de Pinténs fica muda

O mestre e gaiteiro Anxo Gago Vaqueiro, "Lito", finou onte aos 65 anos na súa parroquia do Hío

10.02.2018 | 12:20

Xusto no día que comezaba o Entroido apagouse a voz e a gaita de Anxo Gago Vaqueiro, máis coñecido como Lito de Pinténs. A súa foi unha vida adicada á gaita e á música tradicional, que foi quen de levar polos mares do Gran Sol e de Terranova ata o Festival Intercéltico de Lorient. A bo seguro que o seu recordo estará moi presente este ano no tradicional Entroido da súa parroquia do Hío, onde a súa gaita sonou en innumerables ocasións para reivindicar a música de raíz e, por suposto, para animar a festa e a troula. O mestre sera despedido hoxe ás catro da tarde no tanatorio de Cangas.

Contan que cando a Anxo Gago "Lito" lle comunicaron que lle ían conceder o Premio Xohán de Cangas ao Labor Cultural o primeiro que saíu da súa boca foi unha pregunta. "A min?", preguntou estrañado. Unha mostra da humildade coa que sempre traballou este veciño de Pinténs, que dende ben mozo levou a gaita dentro del e espallou os seus sons polos mares do mundo. A música tradicional galega fica desde onte un pouco máis orfa debido ao seu pasamento. "Ao igual que Beethoven é case xordo, pero leva a gaita e a arte no corazón e del si que se pode dicir que traballa por amor a arte", dicía, no seu nome, o seu fillo José Ángel na entrega dese premio no Auditorio de Cangas no Día das Letras Galegas de 2016. O Concello de Cangas, ao igual que numerosos colectivos e particulares, mostraba onte o seu pésame e agradecía "o seu traballo en prol da cultura e a música tradicional".

Lito finou onte na súa casa de Pinténs, rodeado dos seus, despois de varios meses de loita contra unha cruel enfermidade. A bo seguro que o gaiteiro pensaría que a morte gañoulle unha batalla, pero non a guerra. O seu legado sigue vivo en todos aqueles a quen lles transmitiu a súa arte e os seus coñecementos da música tradicional e da gaita, como aos rapaces do colexio do Hío, onde ensinou o instrumento a finais da década dos 70. "Desfruto cando vexo desfrutar a xente coa música de raíz", dicía el no video que se proxectou na gala dos premios Xohán de Cangas e Ignacio Cerviño.

O interese de Lito pola música tradicional procede do seu pai, que foi mariñeiro no Gran Sol. Cando o seu proxenitor marchaba embarcado el collíalle prestada a gaita e tentaba aprender. Cando anos máis tarde foi Lito o que tiña que embarcar non o dubidou un instante: a gaita formaba parte da súa equipaxe e ía con ela ao Gran Sol ou a Terranova. Lito foi un dos "gaiteiros do mar" e a súa historia chamou a atención do músico e escritor Xurxo Souto, que lle adicou un capítulo dentro do seu libro "Contos do Mar de Irlanda". Unha historia que tamén forma parte do documental "Dos gaiteiros do mar", que acaban de editar Borneira Audiovisual e a Asociación Cultural A Cepa, un traballo de Xurxo Souto, Daniel Lavesedo e Martín Rodas.

Un dos episodios máis sonados foi unha actuación nunha discoteca do porto de Saint John's, no Canadá, na época na que Lito estivo embarcado en Terranova. Xunto a el ía embarcado un dos seus curmáns, Manolo, que tocaba a percusión. As habilidades musicais de ambos chegaron a oídos do persoal do peirao. Alí atracaban moitos barcos galegos e por iso os contrataron para tocar naquela discoteca. Aquilo foi unha auténtica festa galega ao outro lado do Atlántico, onde non era nada habitual escoitar o son da gaita. "Tocabamos cando podiamos, ao mellor era unha forma de sentirnos máis cerca da casa", rememoraba moitos anos despois.

Este gaiteiro non pasou moitos anos embarcado porque dicía que o mar non estaba feito para el. Regresou a terra e traballaría na construción e nunha piscifactoría en Nerga, sempre sen deixar de lado a gaita e de feito puido matricularse no conservatorio. No ano 1993 un grupo de gaiteiros da vila de Bueu puxéronse en contacto con el para poñer en marcha a que sería a Banda de Gaitas Manxadoira, da que foi o seu director fundador. A primeira actuación foi no Día das Letras Galegas de 1994 e permanecería ao fronte durante case quince anos, colléndolle o relevo Marcos Campos. O seu recordo en Manxadoira é inquebrantable e a banda estará hoxe no tanatorio de Cangas para rendirlle a última homenaxe ao mestre. Tocarán para el a "Marcha procesional de San Martiño de Bueu", unha composición do propio Anxo Gago "Lito". Máis dunha vez lles dixo aos responsables e membros da banda que quería que tocasen no seu enterro, un desexo que hoxe lle será debidamente cumprido.

Unha das últimas homenaxes que recibiu foi o pasado mes de setembro, en Vilanova, cando se reuniron máis de media ducia de grupos aos que estivo vencellado, como Os do Serán ou Éche o que hai, e todos fixeron sonar a gaita na honra do mestre. Lito non dubidou á hora de coller o instrumento e volver a facelo sonar xunto co seu grupo Os Gaiteiros do Mar.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Noticias relacionadas