Na curva do silencio sempre hai unha descarga da memoria. E o paso das horas chega e varre coma de súpeto as avenidas do fulgor. "Somos ninguén", dicían os avós e calaban de axiña todos os paxaros da contorna. Era así a noite en interiores. Unha luz de sombra. O malvado candil contra da vida.

Geno Piñeiro é o noso amigo. Somos así os vicios da fervenza coas palabras: ese parlamento dos soños e a frescura do mencer e do solpor dende os sorriso. E velaí chegamos. A memoria que non cesa. Aquela noite máxica no val fermosísimo do Xálima, na Extremadura dos galegos que soñaron, soñan canda nós a Terramar da vida. Era un andar de privilexio cara o encontro de nos ver e máis saber xa para sempre a tanta Luz da Palabra e da Ledicia.

E os teus pasos en activo. O teu sorriso. E unha sempre voz fermosa da palabra de noso. E os menceres do Morrazo. Os soños e o camiño en grande aberto. Cabo de lonxe vai a memoria que non falta e que namora nas presencias en cada tempo coas palabras: ese fulgor da Nosa Lingua.

Estás aquí. En Luz e obra permanente. Querémoste saber no sol das flores, na mornura. Sen ausencia, aló e acó, cabo do Tempo. Caro Amigo.

(Xosé Vázquez PIntor, escritor)