Cangas é o escenario escollido para a Mostra do Posible, unhas xornadas sobre alternativas reais que terán lugar o 7 e 8 de outubro. Este evento está organizado pola Rede de Solidaridade Popular de Vigo (RSP) e o seu obxectivo é ser "un punto de encontro de empresas de economía social e de movementos sociais", explican os seus organizadores.

Ata o de agora hai 14 colectivos confirmados, aínda que o prazo para inscribirse remata o 15 de agosto. Poden participar entidades que traballen dende o individual, pero a súa presenza terá menos prioridade que as colectivas. A participación no evento é, ademais, completamente gratuíta. Esta Mostra do Posible foi presentada onte no Concello de Cangas, coa presenza do alcalde, Xosé Manuel Pazos, e dous membros de RSP, David Esperón e Elisa Pérez.

Esta evento estará dividido en dúas líñas: postos informativos e outras actividades varias. Cada colectivo terá o seu posto asignado e poderá presentar o seu proxecto, produto ou servizo. Por outra banda, as actividades consistirán en mesas redondas, charlas ou obradoiros. Nelas afondarase nos aspectos de interese de cada temática tratada. A Mostra do Posible estará dividida en cinco seccións temáticas: economía, traballo e finanzas; saúde, alimentación e coidado do entorno; educación, cultura e medios de comunicación; urbanismo, abastecementos e refugallos; e dereitos sociais. Os postos estarán situados nos xardíns do Señal e as actividades serán no edificio do Concello.

O coordinador da Mostra, David Esperón, confirmaba xa tres actividades que se levarán a cabo neses días. En primeiro lugar, un obradoiro impartido polo colectivo Ecoar. Tamén unha asemblea da Rede de Economía Alternativa e Solidaria (REA)S e, por último, a presentación da Revista Galega de Educación. As actividades iránse engadindo a medida que máis colectivos confirmen a súa participación na Mostra do Posible e propoñan diferentes ideas.

A iniciativa pretende acadar dous obxectivos. Ante todo, trata de servir como espazo de encontro entre colectivos e entidades de economía social que buscan a transformación do mundo nun lugar máis solidario e colaborativo. Ademais, pretenden amosar á cidadanía que hai alternativas reais e sociais para as temáticas que se van tratar nas xornadas.

Unha sociedade máis xusta

O principal é lograr "construir unha sociedade máis xusta", afirma Esperón. Engade que "a intención é visibilizar que xa hai, desde a economía e os movementos sociais, colectivos que están traballando para crear estas alternativas e ferramentas que axuden a converter a sociedade nunha máis xusta."

O evento é unha iniciativa da RSP en colaboración co Concello de Cangas. Contan con 54 redes en toda España e en Vigo levan traballando dende fai catro anos. A voceira da asociación, Elisa Pérez, destacaba os seus dous principios fundamentais. En primeiro lugar, "o respecto a outros colectivos que están traballando polo benestar social". O segundo é "a nosa columna vertebral, a solidariedade". Puntualizaba que non promoven a caridade, senon a solidariedade. Divídense en varios grupos de acción, cada un adicado a un tema en concreto, como por exemplo, axuda psicolóxica, xurídica e despensa de alimentos.

Xosé Manuel Pazos quixo agradecerlles "o pensar en Cangas á hora de organizar o evento". Destaca que a Mostra atraerá a moitas persoas e que trátase de toda unha honra para a vila. "Procurarase que Cangas esté a altura", sentencia.