O baterista cangués Iago Fernández é un dos premiados dentro dos IV Premios Martín Códax da Música de Galicia. O xoven artista era un dos aspirantes a alzarse co recoñecemento ao mellor proxecto dentro da categoría de Jazz e Músicas Improvisadas co seu terceiro disco, titulado "Brisa", e que finalmente levouse o galardón, que nesta celebración da música galega coñécese como o "melómano". Dende o Concello de Cangas onte mesmo quixeron felicitar ao músico por este recoñecemento.

A gala dos Premios Martín Códax celebrouse na noite do mércores no Pazo Provincial da Cultura, co seu aforo completo dende días antes, e será retransmitida mañá á medianoite pola Televisión de Galicia. Iago Fernández formouse como músico entre Cangas e o Seminario de Jazz Permanente de Pontevedra e finalmente graduouse no Centro Superior de Música do País Vasco, coñecido como Musikene. Alí logrou a matrícula de honra na súa especialidade de batería de jazz. Ao longo destes anos ten colaborado nunha vintena de traballos discográficos doutros artistas e outros tres ao seu nome: "Agromando" (2011), "Acougo" (2015) e "Brisa", editado o ano pasado polo prestixioso selo barcelonés Fresh Sound New Talent. Nestra gravación o baterista cangués dun grupo de músicos cos que sinte unha total complicidade e conexión no escenario: Enrique Oliver ao saxo tenor, Wilfried Wilde á guitarra e Reinier Elizarde "El Negrón" ao contrabaixo. Tamén colaboraron músicos como o pianista cangués Xan Campos, Zé Pedro Coelho (saxo soprano e clarinete baixo) e Inês Sousa (voz).

Os Premios Martín Códax están promovidos pola Asociación de Músicos Ao Vivo (MAV) e teñen como finalidade recoñecer a creación e calidade das producións musicais galegas, facer rendible o potencial da música de Galicia e facer visible a este amplo sector. En total hai 16 categorías: pop e indie; rock; blues, funk e soul; metal; canción de autor; hip hop e músicas urbanas; reggae, ska e mestizaxe; electrónica; música clásica e contemporánea; jazz e músicas improvisadas; música tradicional galega; folque; músicas do mundo; música infantil; orquestras, grupos e música de verbena; e coros e grupos vocais. A maiores entréganse tres Premios Organistrum (á mellor sala, festival e espazo de comunicación musical) e un premio honorífico pola traxectoria.

A gala deste ano aproveitou para reivindicar o papel da muller e a presenza da música en todos os ámbitos da sociedade.