A autora buenense Miriam Ferradáns Ferradás vén de sumar un novo premio. Esta vez trátase do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, que se reuniu na sede do Círculo Mercantil e Industrial-Unidade, en Fene. O xurado escolleu o seu poemario "Dos nomes do fume". A moza buenense conta xa cunha importante bagaxe de recoñecementos: en 2012 gañou o terceiro premio do certame Xuventude Crea co poema "Novecomaoito"; en 2013 e 2014 gañou o Premio Rosalía de Castro de Cornellá con "Decibel" e "Ruído" e neste ano 2016 vén de gañar o Premio Francisco Añón con "Deshabitar unha casa".

O xurado do premio Pérez Parallé estaba composto pola escritora Lara Dopazo, o poeta Paco Souto [gañador do Premio Johán Carballeira de poesía no ano 2006] e por Eduard Velasco, que gañou este certame no ano 2014. Os membros do tribunal xustificaron a súa decisión porque observaron "como un valor do libro gañador o fío narrativo que conduce a quen le ao longo de todas as páxinas. O conxunto, escrito cun estilo limpo e cunha clara vontade de construción dunha voz propia, goza dunha forte unidade e solidez".