O Morrazo sumouse onte de maneira activa ás celebracións do Día de Rosalía, nunha xornada na que se conmemora o nacemento da poetisa galega hai 179 anos. "Desde o profundo da súa voz e co seu canto radical e solidario, Rosalía de Castro mobiliza a nosa conciencia colectiva, galega e universal. A obra de Rosalía, adiantada ao seu tempo, segue falando para a mocidade do século XXI", afirman dende o IES Rodeira. Neste centro alumnado e profesorado participaron nun envío masivo e simultáneo a través da rede social Twitter dun verso de Rosalía. O escollido foi "Unha vez tiven un cravo/cravado no corazón", que a comunidade educativa colgou na rede baixo a etiqueta #mobilizarosalia.

En Bueu o acto central do Día de Rosalía celebrouse na sala de exposicións Amalia Domínguez Búa, organizado pola Concellería de Normalización Lingüística. Cun panel de Rosalía de fondo, cedido para a ocasión por Fecimo, veciños, concelleiros e persoeiros da vila leron distintos poemas da autora. Participaron ao redor dunha trintena de persoas e o Concello de Bueu agasallounas cun libro, correspondente ao Premio Johán Carballeira de poesía, e unha camelia. As flores foron donadas pola Estación Fitopatolóxica do Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, e entre elas había unha especie de camelia que se chama precisamente "Rosalía".

Moaña lembrou a poetisa no centro cultural que leva o seu nome, na parroquia de Domaio. Alí houbo un recital poético no que se lembraron algúns dos seus textos máis senlleiros e completouse cunha actuación musical na que interviron o mestre gaiteiro Xavier Blanco e o músico e concelleiro Salvador Meira.