O Concello de Moaña será pioneiro na comarca á hora de aportar recursos para facilitar a socialización en galego dos nenos dende a primeira infancia, mediante a entrada na Rede Apego, un proxecto de normalización que xa está en marcha en 12 concellos galegos e que ten como principal público aos pais sensibles cara o idioma propio de Galicia.

Moaña solicitou xa a súa inclusión nesta rede a través do seu servizo de Normalización Lingüística, tal e como explica o edil de Ensino, Aldán Santamarina. Destinará uns 4.700 euros a un programa que suministrará ao Concello material en galego para os nenos recén nacidos. Os pais poderán recoller esas caixas a modo de agasallo no propio consistorio e, á vez, a administración local creará con eles unha rede de pais á hora de programar actividades na lingua propia para os pequenos.

Se solicitaron 184 caixas con recursos de todo tipo para que os pais poidan educar e xogar cos seus nenos en galego. A petición fíxose tendo en conta o número de nacementos que houbo en Moaña no ano 2014. "Sabemos que cando nace un bebé, os pais deseñan o seu futuro, e cremos que estes recursos axudarán a aquelas familias que queren incorporar a lingua galega como un legado que deixarlle aos seus fillos", explica Santamarina.

Moaña é o único concello da comarca que se pode adherir a esta rede por contar con técnico de Normalización. A caixa que recibirán os pais inclúe recursos como xoguetes, contos, un disco de música infantil en galego, un medidor e un álbum de recordos e primeiras experiencias.

Os iniciadores do proxecto Apego destacan á necesidade de implicar ás familias na valoración positiva da lingua propia ante a "preocupante" situación da adquisición, socialización e uso do galego nas idades máis temperás. Vigo ou Pontevedra son Concellos que xa se inclúen neste programa.

Se espera que nos vindeiros meses o Concello poida repartir entre os pais a caixa de benvida como primeiro paso para que os moañeses do futuro empreguen o idioma propio na súa descuberta do mundo e nas súas relacións coas familias.

Orzamento

Os recursos destinados á dinamización do galego en Moaña multiplicaranse por catro neste ano 2016. Os orzamentos aprobados xa en fase inicial, e que pasan por ser os primeiros que redacta o Concello dende o ano 2011, elevan de 3.000 a 11.000 euros os cartos destinados a organizar actividades relacionadas coa transmisión da lingua aos cativos, segundo apunta o edil de Ensino.