Coa conferencia "O uso de Internet e as novas tecnoloxías: claves para entender e previr", impartida polos especialistas Antonio Rial Boubeta e Daniel Neira Barral, a Escola de Pais e Nais do Concello de Cangas puxo o peche ao curso despois de varios meses de traballo e formación. A charla versou sobre o que din os datos actuais arredor das novas tecnoloxías da comunicación, o seu uso e tamén abuso, así como "as diferentes medidas legais e de control" relacionadas con este campo e os medios para previr un uso incorrecto. Rematada a conferencia no salón de plenos e contestadas as dúbidas dos asistentes, procedeuse á entrega de diplomas aos participantes na Escola de Pais e Nais.

O acto estivo presidido pola concelleira de Servizos Sociais, Dolores Gallego, que valorou a importancia do traballo realizado nesta iniciativa que "supón un marco de reflexión e debate sobre o papel das familias e trata de mellorar a relación entre pais, nais e fillos". A edil destacou que a sociedade actual está caracterizada polo importante papel que xogan as novas tecnoloxías, e sobre todo das redes sociais, que cada vez son máis empregadas por cativos e adolescentes, "facendo así máis complexa a tarefa de educar".

Estas escolas están dirixidas a pais e nais con fillos escolarizados e teñen como obxectivos "crear un marco de reflexión e debate sobre o papel de ser pai ou nai, ofrecer recursos informativos, adquirir maior seguridade e confianza e mellorar as relacións dos pais e nais cos fillos e fillas", segundo explican os organizadores. Para conseguilo, durante o ano académico celébranse reunións quincenais nos centros de ensino nas que se tratan aspectos relacionados coa educación para a saúde, a comunicación, o manexo emocional e as habilidades sociais, "cunha metodoloxía activo-participativa que se basea no traballo de dinámicas de grupo e debate", engaden os promotores, que conclúen que a aportación dos pais e nais asistentes "é de grande interese á hora de plantexar tanto os temas de debate como as conclusións".