17 de abril de 2011
17.04.2011

As mil primaveiras dun premio

O xornalista Moncho Paz e o poeta Calros Solla recolleron onte en Bueu os galardóns

17.04.2011 | 03:45
De esq. á dta., Calros Solla, Manuel Mosteiro, Juncal, Ramón Chao, Moncho Paz e Manuel Santos. // G.N.

O salón de plenos do Concello de Bueu acolleu onte a gala de entrega dos premios Johán Carballeira de poesía e xornalismo, un acto que se fixo couincidir co cabodano do fusilamento do que fora alcalde da vila. Os premiados deste ano foron Calros Solla e Moncho Paz, aínda que boa parte do protagonismo foi para o escritor, xornalista e músico Ramón Chao. Dende hai máis de cincuenta anos ten fixada a súa residencia en París, pero xa que a entrevista que lle fixo Moncho Paz resultou premiada quixo estar onte en Bueu. E o seu retorno a Galicia serviulle para moito.

Os premios Johán Carballeira acumulan xa catorce edicións no seu certame poético e oito no de xornalismo, unha traxectoria e un percorrido que os consolida como unha cita de prestixio. "Éste é un galardón especial polo que supón a figura de Johán Carballeira dentro do xornalismo e da poesía no século XX, un home comprometido con Galicia e a cultura", asegurou onte durante a súa intervención Moncho Paz, que gañou o premio de xornalismo cunha entrevista a Ramón Chao.
O outro premiado desta nova edición foi o poeta Calros Solla, que lle desexou a este certame "mil primaveiras máis" e no seu discurso, tomando referencias do seu poemario "Lume de ollos en MazinGZ", fixo unha encendida defensa deses "superheroes menos coñecidos, anónimos, aos que non se lle adica parágrafo ningún nos medios de comunicación e que traballan día a día pola cultura galega". Solla aproveitou para facer un chamamento para unha "cruzada contra os supermalvados" que non defenden a lingua galega.
No acto de onte había dous premiados, pero houbo unha terceira persoa que gozou dun especial protagonismo: Ramón Chao. A súa presenza foi saudada con gran entusiasmo polo Concello de Bueu e pola Asociación Amigos de Johán Carballeira, que esperan que a implicación do escritor e xornalista supoña o pulo definitivo para este certame. O presidente da asociación que leva o nome do antigo alcalde de Bueu, Manuel Mosteiro, solicitoulle incluso que de agora en diante exercera do padriño do premio, unha petición que o pai de Manu Chao aceptou encantado.

Compromiso

O Concello de Bueu é o encargado de convocar esta cita e onte o seu alcalde, Félix Juncal, reafirmou o compromiso da institución con este premios. "Éste non é momento de retroceder nin de dar un paso atrás. É un certame importante para Bueu porque permite recuperar a nosa historia, a nosa cultura e a nosa memoria", manifestou na súa intervención.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
FaroEduca