A Concellería de Cultura de Bueu acaba de pechar o prazo para a presentación de traballos á decimocuarta edición do Premio de Poesía Johán Carballeira e nesta ocasión constatouse un importante incremento no número de poemarios presentados. Os técnicos do departamento teñen contabilizados un total de 46 e non se descarta que chegue algún máis por vía postal, que será aceptado se a data do mataselos non é posterior ao día 15 de outubro.

Esta cantidade de traballos presentados supón un interesante aumento con respecto a edicións anteriores, nas que o número rondaba a trintena de obras. Os aspirantes a este galardón, que xa se convertiu nun dos máis senlleiros do panorama galego, deben cumprir cunha serie de condicionantes, como que o traballo debe ser inédito e debe contar cunha extensión mínima de 400 versos. A Concellería de Cultura adianta que en breve se lle fará chegar aos membros do xurado os poemarios e a reunión de deliberación podería convocarse para finais do mes de novembro. O ano pasao o premio recaeu por vez primeira nunha persoa da vila, a a poetisa Lucía Novas.

O que segue aberto é o prazo para presentar traballos ao premio de xornalismo, que este ano chega a súa oitava edición. As bases estipulan que os artigos que opten a concurso deben saír publicados entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2010 e a data límite para a súa recepción é o 5 de novembro. Os dous galardóns están dotados cun premio de 1.500 euros.