27 de abril de 2010
27.04.2010

A canteira do teatro

A Mostra do Ensino Secundario do Morrazo comezou onte coas dúas primeiras obras

27.04.2010 | 02:27
O elenco de actores e actrices e o director de Teatro Réplika, do IES Rodeira. // Carmen Giménez

Son 14 anos de teatro; 14 anos de formación nos escenarios pero tamén nos auditorios; 14 anos de actores e actrices, de directores, pero tamén de público. A Mostra de Teatro de Ensino Secundario do Morrazo arrancou onte no IES Johán Carballeira de Bueu coa estrea das dúas primeiras obras deste certame máis que asentado nos circuitos culturais da comarca. Comediantes anónimos, do Johán Carballeira, representaron "A filla do capitán Aníbal" e, posteriormente, foi o turno de Teatro Réplika, do IES Rodeira de Cangas, coa súa visión de "Cousas da guerra".

É a auténtica canteira, tanto de actores coma de espectadores, dunha comarca tremendamente vinculada ó mundo do teatro. A Mostra do Ensino Secundario do Morrazo arrancou onte co seu viveiro de xoves talentos ofrecendo unha variada programación ó longo de toda a semana.
O IES Johán Carballeira volve centralizar un certame que inauguraron os Comediantes Anónimos de Fran Paredes, representando "A filla co capitán Aníbal", unha obra de Alejandro Robino que narra a historia duns cómicos que espertan no medio dunha praza chea de público e deciden representar a peza estrela do seu repertorio, que é, precisamente, "A filla do capitán Aníbal". Paredes recoñecía que o feito de ter que abrir o telón supón unha obrigada peaxe. "Aparte de ser o anfitrión hai máis nervos por ser o referente", afirmou. O carácter da obra, para tódolos públicos, permitiu que a disfrutasen, ademáis dos alumnos do María Soliño e do Eduardo Pondal, os nenos do colexio de A Pedra, centro adscrito ó Johán Carballeira. Logo foi o turno de Teatro Réplika, cunha obra algo máis adulta, "Cousas da guerra", que contou coa dirección de Xoán Carlos Riobó sobre textos de Tomás Afán Muñoz.
Pero o momento emotivo da xornada foi a homenaxe sorpresa que se lle deu a Antón Lamapereira, un dos promotores desta Mostra e que, por vez primeira, non acude á mesma dirixindo a un grupo de rapaces. Lamapereira recibiu unha figura, elaborada polos alumnos do Ciclo de Fabricación Mecánica, representando a un actor ou actriz saudando ó público.
Asun Sóñora, directora do IES Johán Carballeira, destacou o éxito desta primeira xornada dun certame que "non só forma actores e actrices senón que ofrece a posibilidade ós centros de ver teatro e que despois acudan a outros auditorios". A festa do teatro dos centros de secundaria do Morrazo xa está en marcha.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
FaroEduca