A pesares de que dará vida á figura central do espectáculo“Desembarco dos turcos. María Soliño”, María Salgueiro prefire compartir o protagonismo co resto de actores e figurantes. Durante días ensaiaron coma ela para que esta noite a representación da invasión turca á vila de Cangas sexa un éxito. A poucas horas da estrea da obra teatral, só quedan pequenos retoques para que todo saia segundo o previsto.

-Que significado ten para vostede a figura de María Soliño?

-É un símbolo de tantas e tantas persoas que foron abusadas e maltratadas por intereses da Igrexa e do Estado. Foi víctima do abuso, maltrato e machismo da época. O sambenito de meigas era o que nos poñían ás mulleres daquela. Se eras un espírito libre coma ela, se che daba por ir á praia a mollarte,a pasear ou a meditar, resultaba sospeitoso porque se saía do normal.

-Afronta o papel cunha maior implicación dado o vencello que ten co Morrazo, a súa terra?

-A implicación como profesional é a mesma. Outra cousa é o cariño que poida ter cara a figura e o lugar onde acontecen os feitos.Este papel implícame máis sentimentalmente. Adenais, paréceme moi emocionante ver como se involucra a xente. De tódolos xeitos, a seriedade é a mesma xa que para min todo o que fago ten importancia.

-Que lle parece que os cangueses participen desinteresadamente nesta recreación do pasado da vila?

-Coido que é moi bonito que a xente de Cangas participe. De feito, debemos reflexionar sobre os erros cometidos no pasado para non repetilos no futuro. Estaría ben facer unha reflexión acerca do que pasaba nese tempo e do indefensas que estabamos as mulleres.

-En que momento da obra aparece a súa personaxe?

-María Soliño xurde no momento en que remata a batalla dos cangueses e os turcos no Eirado do Costal e aparecen os feridos. Despois disto pasan “algunhas cousiñas” de camiño á Igrexa, que non convén desvelar. Xa no adro prodúcese o xuízo. Todo vai ser rápido e álxido, con danzas e loitas. Decidimos prescindir da fogueira polo perigo que entrañaba. Tampouco haberá aquelarre, porque nin María Soliño, nin as mulleres que a rodeaban eran meigas. Eran espíritos libres que bailaban na praia ou ían lixeiras de roupa por comodidade.

-Os escenarios son reais e máxicos, cargados de historia. Sería case imposible atopar un decorado mellor.

-Sí. A zona vella está tan cargada de historia, que axuda un montón. Se pisas unha rúa de pedra xa tes a metade do traballo feito. É un lugar máxico e realmente bonito. E de noite aínda moito máis. Resulta máis críble que se a representación fose nun espazo cerrado.

-Está entón todo preparado para esta noite?

-Non se pode facer moito máis do que xa está feito. Non queremos descubrir demasiado da representación. É bastante complicado ensaiar en Cangas sen que se vexa parte do que imos facer. Iremos un pouco antes da actuación para ultimar pequenos detalles