Naceu en 1903 na veciña parroquia de Botos. Era fillo de Francisco González "Casamaro" e Benita Rodríguez. Estudou Maxisterio na Escola Normal de Pontevedra e o mesmo ano de rematar os estudos, en 1923, foi contratado pola sociedade Unión do Partido de Lalín de Buenos Aires para ser o mestre da escola laica que viñan de crear no lugar de Porreiros, na parroquia de Gresande. A escola dos "americanos" estaba baseada en principios pedagóxicos máis modernos e a pesar da oposición do clero local, deseguida se fixo moi coñecida; a ela empezaron a acudir tamén rapaces de Soutolongo e Botos a pesar da distancia.

A principios dos anos trinta aprobou as oposicións de Maxisterio e foi destinado á parroquia estradense de Ribeira. Alí comezou o seu labor galeguista, participou nos actos de propaganda do Estatuto de Galicia e propuxo a idea de erixir un monumento a Pardo de Cela na Estrada por subscrición popular, para o que realizou unha intensa campaña no periódico estradense El Emigrado.

En 1933 obtivo o traslado a escola de Soutolongo, que había ser o seu destino definitivo. Un ano antes casara en Botos con Dolores Brandido Palmaz. Iniciou nesta parroquia a propaganda galeguista cunha serie de conferencias que impartía á saída da misa dos domingos coa colaboración de Benito Rivas, daquela estudante de Dereito. En Soutolongo tamén organizou conferencias e actos conmemorativos do 14 de abril, ademais de desenvolver unha intensa e innovadora labor pedagóxica na escola, con clases de agricultura, excursións culturais a cidades galegas, etc.

Así concibía a escola rural nun artigo de 1930: "Estas escolas sen excluír coñecementos xerais deben conceder primacía aos temas agropecuarios como son: mellora da técnica agrícola, arrombando todo o arcaico e nulo; emprego de boas sementes, adubos e modernos instrumentos agrícolas; selección de gandos; nocións de patoloxía animal e vexetal, e modo de combater tales enfermidades; cría de aves de curral; formación de viveiros con especies forestais selectas para repoboar, enriquecer e facer fermosos os nosos desérticos montes; cría e coidados de especies froiteiras, tamén escollidas, (maceiras, pereiras, castiñeiros, nogueiras, etc.) para hortas, paseos, ribeiras de ríos, etc.; industrias rurais (queixerías, manteiguerías e outros); cooperativas, nas súas variadas manifestacións; caixas de crédito; socorros mutuos, etc.

Para conseguir o que antecede, hai que transmutar todas as escolas rurais da nosa Terra, proporcionándolles un campo para experimentación e viveiro, cría de aves e de abellas; libros de temas rurais; conferencias frecuentes; estaciones meteorolóxicas, etc. Mais, cando chegarán a cristalizar estas ideas en toda Galicia? Co centralismo? Sen galeguizar os centros docentes da nosa Terra?"

Manuel González colaborou cos membros do Seminario de Estudos Galegos que estaban realizando por eses anos as súas xeiras polas terras de Deza. Activo militante e propagandista galeguista, fixo unha entusiasta campaña a prol da autonomía de Galicia no periódico lalinense Razón, foi un dos membros da mesa da IV Asemblea do Partido Galeguista en abril de 1935 e un dos oradores do mitin das Arengas o 24 de xullo dese ano.

Asistiu ao mitin de Azaña en Comillas con outros corenta dezaos e fixo desa viaxe unha longa crónica para Eco de Galicia. Participou nos actos da coalición republicano-galeguista que se organizou a finais de 1935 e nos mitins da Frente Popular para as eleccións de febreiro de 1936.

Co golpe de estado do 18 de xullo de 1936, foi depurado, aínda que grazas ás relacións familiares da súa muller non foi sancionado. Iso si, tivo que afiliarse a Falange e viuse obrigado a facer unha serie de artigos laudatorios das fazañas imperiais españolas para o periódico pedagóxico El Noticiero Gallego. Os anos da ditadura foron para Manuel de exilio interior, aínda que mantivo algunha correspondencia cos galeguistas exiliados en América e estivo a piques de participar na monumental Historia de Galicia de Otero Pedrayo publicada en Buenos Aires.

Seguiu traballando como mestre en Soutologo, ata que a enfermidade o obrigou a unha xubilación anticipada en 1964. Nos anos posteriores volveu facer algunhas colaboracións na prensa sobre persoeiros da historia local e reivindicativos das necesidades do concello. Foi Manuel quen pronunciou o panexírico de Ramón Mª Aller na misa de aniversario do seu falecemento en abril de 1967. Pasou os últimos anos da súa vida en Madrid, cos coidados da súa filla, e alí morreu o 7 de xuño de 1974.

Manuel González é autor de máis dun centenar de artigos e colaboracións na prensa galega e da emigración. Escribiu sobre pedagoxía, historia, etnografía, socioloxía, política, ... Os periódicos El Pueblo Gallego, Correo de Galicia, El Emigrado, Razón, Eco de Galicia, A Nosa Terra, El País ou La Voz de Galicia, tiveron a sinatura de "Soutolongo" nas súas páxinas.