Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Marta Negro Romero: "Aller é bastante descoñecido para moita xente, sabe que astrónomo e pouco máis"

"Foi un sabio que falaba dez idiomas e publicaba en revistas científicas europeas"

Marta Negro, en primeiro plano, xunto a concelleiros e coordenadores da iniciativa. // Bernabé/Ana Agra

O Ollo Ceibe é o título dunha proposta que arrancou onte en Lalín e que se estenderá ata o 6 de xullo. Participan 40 establecementos comercias que cada un amosa unha fotografía de Ramón María Aller Ulloa cun texto anecdótico de Marta Negro. Todos os sábados ás 12 horas, desde hoxe ata o 6 de xullo, realizarse un itinerario teatralizado polos lugares frecuentados por Aller. Os interesados en asistir deben anotarse no 604 062 506. Onte tivo lugar a inauguración da mostra.

-Por que decidiu facer este traballo de investigación?

-Xurdiu a iniciativa das concellerías de Cultura e Comercio para facer algo en conxunto e a cooperativa cultural Urdime fixo a proposta de traballar ao redor de Ramón Aller e recuperar o seu arquivo fotográfico, que unha parte del está nos fondos do museo municipal de aquí de Lalín. A idea tamén era que as fotos fosen acompañadas dun pequeno anecdotario da vila.

-E como levou a cabo ese traballo?

-A min déronme as fotos seleccionadas e pedíronme que redactase os textos. A través deles vou contando cousas de Lalín, ademais de dar a coñecer a unha figura, que a verdade resulta bastante descoñecida, incluso, a propia xente de Lalín, sabemos que é astrónomo e pouco máis. E a verdade que Ramón Aller á medida que o empezas a descubrir ves que é un home moi polifacético, un gran astrónomo e unha figura moi importante para a súa época.

-Cales foron as súas fontes ?

-Tiven que relacionar os textos coas fotografías. Como se escolleron comercios con 50 anos de vida, polo menos, buscouse que as fotos tivesen unha relación, moitas veces metafórica. Intentei que tivesen algo que ver, por exemplo, na Ciclos Portas que traballan con motos e demais, decidín poñer un cabalo, como un medio de transporte. Por iso, primeiro tiven que pensar ben como podía relacionar todo e axudáronme moitas persoas. Como Cecila Doporto Regueira porque ela investigou sobre o astrónomo, axudoume a identificar ás persoas das fotos e a chegar á pistas das que despois eu fun tirando; falei cunha sobriña del, busquei sobre Ramón Aller e sobre os seus discípulos. Non descubrín nada novo, o que intentei foi recuperar información que están en diferentes lugares, ler entrevistas que ofreceu a xornais como La Noche, no museo descubrín moitas cousas como os planos das casas que fixo, en blogs históricos como o de Manuel Igrexas, artigos de prensa de Daniel González Alén, comerciantes de Lalín que me foron contando aparte de dos fondos bibliográficos.

-E canto tempo lle levou?

-Dediqueille a isto uns dous meses, xa que a idea non era que fose unha investigación profunda, senón de que sexan textos breves, divulgativos e que sexan amenos de ler porque hai que lelos de pé diante das tendas. Algo que sexa doado de ler e que a xente se quede cunha idea de todas as facetas del e da importancia que tivo a nivel científico e tamén todas as capacidades que tiña este home, que o podemos definir como un sabio, porque era un home que falaba dez idiomas, que publicaba en revistas científicas europeas, que deseñaba planos de casas, altares de igrexas da comarca, ata o deseño dun santo lle chegaron a encargar. Despois, colaborou con gaiteiro de Lugo co almanaque agrícola, aínda que non aparecía o seu nome porque non quería. Entón foron dous meses intentando que non fose un exceso de datos e de datas senón que a xente se quede dunha idea de quen era e de que chegou a facer. É un anecdotario non unha tese ou un artigo científico, e para abrir o camiño para que aqueles que o desexen despois poidan seguir investigando. Tamén aproveitei nalgúns casos para meter cousas de Lalín, como a Feira do Vento, un dos seus amigos curas ten un estudio sobre o Mosteiro de San Martiño de Lalín de Arriba e tambén aproveite para falar desta personaxe.

-Ides facer un itinerario teatralizado.

-Si. Por un lado, van estar expostas sa fotos cos textos nos comercios mais no museo. As tendas van poñer un dispositivo en horario comercial para que a xente poida facer todo o itinerario ou unha parte. E despois os sábados, Inacio Vilariño vai encarnar a figura de Ramón Aller que fará a visita guiada por Lalín para contar aspectos da vida daquela época.

Compartir el artículo

stats