O Concello de Lalín convida a toda a veciñanza ao acto de presentación do libro de José Luís Sucasas no que se realiza unha escolma dos seus máis destacados artigos publicados en diferentes medios de comunicación en galego. O evento terá lugar o vindeiro xoves, día 12 de xuño, ás 20.00 horas, na Biblioteca Municipal. Nel participarán familiares do propio sucasas, así como o alcalde en funcións, Rafael Cuíña, e o concelleiro Francisco Vilariño, ambos amigos persoais do finado político e economista lalinense, e mailo xornalista e escritor Moncho Vilar. Trátase dunha presentación totalmente aberta que, ao tempo que permitirá dar a coñecer a publicación promovida polo Concello, servirá de homenaxe póstuma.

José Luís Sucasas ou "Suqui", como o coñecían os moitos amigos que tiña este lalinense veciño de Cadrón, foi unha das figuras máis brillantes das nadas na capital dezá nos últimos tempos, tanto pola súa capacidade literaria e visión crítica, como pola súa calidade humana. Dende o Concello enténdese que non hai xeito mellor de recoller a alma retranqueira e a súa sobranceira intelixencia que realizando unha recompilación dos seus artigos máis sobranceiros. Poucos coma el souberon analizar Galiza dende a escrita de xeito tan agudo e levando sempre a humildade e o humor como escudo para, coas súas verbas, "permanecer ao servizo do País e da súa xente".