Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Sonia Castro: "Traballaremos a nivel interdisciplinar cos usuarios para mellorar a súa calidade de vida"

As instalacións, no Novo Mercado, acollen esta tarde e mañá xornadas de portas abertas

Sonia Castro é a responsable do novo centro de día de A Estrada.

A Estrada abrirá o próximo 20 de marzo o seu primeiro centro de día, un servizo de carácter municipal que será xestionado pola Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Demencia Tipo Alzhéimer (Agadea) e que terá o Novo Mercado como referencia espacial. Sen embargo, o centro abrirá hoxe as súas portas de par en par para que poidan visitalo tódalas persoas que o desexen. Será de 17.30 a 18.30. Estas xornadas de portas abertas continuarán mañá xoves, de 11.00 a 12.30. Sonia Castro será a responsable deste centro e estará alí para recibir a tódolos que queiran coñecer estas instalacións e saber como funcionará o centro.

-Como vai ser o proceso de incorporación dos usuarios a un centro de día que hoxe acolle a súa primeira xornada de portas abertas?

-O que faremos é que tódalas persoas que estean interesadas en comezar no centro de día terán que cubrir unha solicitude de acceso, na que se pedirán uns datos da persoa usuaria e do familiar de referencia, do gardador de feito. Depois o que faremos será citalos para facer unha entrevista na que se fará unha valoración para determinar se esa persoa usuaria é apta ou non para o ingreso no centro.

-Que perfil maioritario se agarda como usuarios destas novas instalacións municipais?

-O perfil maioritario é difícil de saber a día de hoxe. Nós como asociación que atendemos a personas que teñen algún tipo de demencia si que vimos notando dende hai anos unha demanda por parte dos familiares das persoas que son máis dependentes. O que se espera é que as persoas que ingresen no centro sexan persoas cun nivel medio de dependencia e que moitas veces nos domicilios non se poden prestar eses coidados necesarios, tanto a nivel profesional como a nivel de tempo, porque ao final todas as familias teñen fillos, traballan, e non poden estar coa súa nai ou con seu pai as 24 horas do día.

-Agadea ten unha experiencia directa na Estrada, a través do centro de atención a persoas con alzheimer, que lle puido axudar a pulsar a demanda que existe no municipio dun servizo coma este.

-Si, de feito o Concello dende hai anos é coñecedor da situación do servicio de estimulación terapéutica que temos no Novo Mercado, no que temos a un elevado número de persoas cunha dependencia alta para as que a finalidade do centro xa non ten valor para esas persoas. Esas persoas son potenciais usuarios do centro de día pero ata o de agora non tiñan outro recurso no Concello da Estrada.

-Que tipo de servizos ofertará o centro?

-Teremos servizo de comedor, hixiene, actividades recreativas e sociais, un servizo de atención directa... O que pretendemos a través dos servizos especializados é tratar as discapacidades ou os déficits que se vaian detectando nas persoas usuarias, así como as alteracións físicas, psíquicas ou sociais. Depois tamén teremos servizo de fisioterapia para todas aquelas persoas usuarias, un servizo de podoloxía e outro de información e asesoramento a través dunha traballadora social que son eu. E tamén temos unha psicóloga e transporte adaptado para os usuarios.

-Como será a incorporación ao centro?

-O prazo de inscripción é durante todo o ano. O 20 de marzo será o día que se abra o centro. Tódalas persoas que desexen ingresar no centro poden vir a coñecelo, para iso facemos as xornadas de portas abertas de hoxe e mañá, para achegar o centro ás persoas. Ao fin e ao cabo o ingreso dun familiar no centro de día é unha decisión, ás veces, difícil de tomar. Se ti podes ver onde vai estar o teu familiar, con que persoal, sempre che da un pouco máis de seguridade.

-Que beneficios se observan nas persoas que teñen a posibilidade de acudir a un centro de día como o que está a piques de abrir na Estrada?

-No centro de día os usuarios están con profesionais que lle poden prestar aqueles coidados necesarios para o seu nivel de dependencia. A nivel social, o que permite o centro de día é evitar e loitar contra o aillamento que hai sobre todo nas zonas máis rurais. Imos traballar a nivel interdisciplinar diferentes profesionais con eses usuarios. Imos tentar en tódalas áreas intervir, a nivel social, a nivel cognitivo, a nivel funcional...para mellorar a calidade de vida desa persoa.

-A outra vertente está nas familias desas persoas. O respiro familiar é tamén importante.

-Si. O centro de día tamén permite ás familias respirar e conciliar. Sobre todo cando falamos de matrimonios nos que as dúas persoas son maiores e unha delas ten unha demencia ou senón unha persona que ten unha demencia que necesita unha supervisión constante, as 24 horas do día. Ter ese momento de respiro, unha media xornada de catro horas ou unha xornada completa de oito para as familias tamén é moi necesario.

-Falouse nestes meses dos prezos do servizo pero os usuarios poderán velos reducido a través de axudas económicas...

-Para poder optar a algún tipo de axuda a xente pode facelo vía dependencia, en Servizos Sociais, a través de libranza vencellada ao servizo. Iso vaille permitir unha axuda económica para o pago do centro e do transporte. Non se sabe cal vai ser a axuda que vaian recibir, dependendo da capacidade económica de cada persoa usuaria, pero si que é unha axuda para sufragar o prezo da praza.

-A onde deben dirixirse os interesados?

-A solicitude de acceso e a baremación se vai facer todo dende o Novo Mercado, dende o propio centro de día. Para obter máis información poden contactar no teléfono 651 981 863 e no correo cddiaaestrada@agadea.org. O tema da libranza faise nos Servizos Sociais pero teñen que pasar previamente por Agadea porque lle ten que facilitar unha serie de documentación para que soliciten a libranza.

Compartir el artículo

stats