O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, dixo onte durante o seu discurso na apertura da exposición EmporcArte que esta iniciativa mistura "o pracer individual de crear coa figura totémica do porco". En Lalín é así, o porco é un ser omnipresente: a porca que preside a rúa Colón, os seus clons da Lalin Pork Art que adornan outras vías semanas antes e despois da Feira da Cocido ... e, como do porco se aproveitan ata os andares, este animal serve incluso de fonte de inspiración.

O rancho é unha musa, polo menos de xeito oficial, desde fai nove anos. Coa apertura de EmporcArte no Museo Ramón Aller (a mostra estará dispoñible ata o 29 deste mes), o visitante poderá ver ata qué punto o porco e o prato estrela de Lalín poden dar qué pensar cando un reflexiona diante dun cadro ou dunha escultura con este tema como fondo. Nesta ocasión, son 49 os artistas que expoñen en Lalín: a maioría galegos, pero tamén os hai con raices en Colombia, Brasil oude Madrid, como indicou o alcalde, Rafael Cuíña. O rexedor fixo fincapé en que Lalín é unha das capitais o mundo da arte en Galicia. E méritos tén de abondo para selo, non só pola ampla listaxe de artistas que viu nacer, senón tamén polas mostras que acolle ao longo do ano e iniciativas que pón en marcha ou promove para a formación de artistas.

Precisamente, diso se trata, de que creadores noveis compartan espazos e experiencias con aqueles que xa teñen un nome no mundo artístico. Pero tamén hai que lembrar a quen xa non está de maneira física, como fixo a escultora Soledad Penalta, na apertura da inauguración, en lembranza da pintora pontevedresa Marina Cocós, que durante anos acudiu a esta cita lalinense. Penalta quixo ensalzar o significado que tén EmporcArte como excusa para que os artistas poidan volver verse, reencontrarse e de paso poñer a proba os cinco sentidos non só co cocido (ao remate da inauguración, celebrouse o Cocido das Artes no restaurante Las Palmeras), senón tamén co cada ano máis concurrido Vermú das Señoritas. Pola súa banda, dende a Diputación Carlos López Font, que acudiu por primeira vez a esta mostra artística, quixo amosar o apoio desta administración "a esta exposición e ao que se fai no Concello", e incidiu no grande éxito da última Feira do Cocido.

Pero non era o dia de discursos políticos, senón de disfrutar do porco como prato e como musa. É evidente que a Giococha, o cadro do compostelán Deiviz Costoya, acaparou boa parte das miradas pola súa fusión entre a Mona Lisa de Leonardo e un porco, con chourizos e garbanzos como fondo. Pero non era a única pintura que sorprende. Tamén o fai "Xamón", de Carlos Santos, no que a combinación de tonos invita a pensar que, en realidade, estamos ante un corazón e non ante a que presume de ser a parte máis sabrosa dun porco. Ou así o titula o creador trasdezao José Antonio Fondevila, que nesta mostra exhibe unha peza escultórica en ferro que é, precisamente, un xamón.

Da escultura tamén se serviu o afamado O Vila para recrear en pedra O machete, sobre o que está un porco grabado. Pero o animal totémico de Lalín e de todo o rural galego (con permiso da vaca) tamén se ve inmerso no actual movemento animalista. Así que por qué non representalo con corpo de home e en talla de maderia, como fixo Camilo Seira baixo o título de Feiticeiro. Por servir, o porco ata serve de compañeiro de cama, a xeito de almofada, de héroes mitolóxicos gregos. Así o demostra outro dos participantes na mostra, José Manuel Méndez 'Pitelo'.Composicións fotográficas e recreacións de portadas de revistas completan esta novena aposta.