Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

José Antonio González Dacal: "Lorenzo debe respectar o que se decida en maioría e non agardou á votación"

"É necesario moverse para que Rodeiro non quede estancado" - "Estou de acordo con que non se pode gobernar unha alcaldía á distancia e a miña presencia será máis cotiá"

González Dacal, onte ante o consistorio de Camba. // Bernabé/Javier Lalín

O Partido Socialista de Rodeiro xa conta co seu cabeza de lista para as vindeiras municipais de maio. Será José Antonio González Dacal, de 55 anos e natural de Rodeiro, aínda que na actualidade reside entre o concello de Camba e a localidade de Bertamiráns (Ames). Traballa nunha consultaría de política, de informática e de comunicación.

-Como afronta o cargo?

-O plantexamento é, indudablemente, un traballo en equipo, non só da xente que vai na lista, senón intentaremos xuntar a todos os colaboradores de todos estes anos, socialistas, simpatizantes e outra xente nova que se poida captar para formar un equipo compacto para traballar a todos os niveis. Esa é a idea.

-Nunca foi nunha lista, non?

-Non, pero levo traballando en Rodeiro como colaborador desde que tiña uns 20 anos, e teño 55, polo que levo colaborando 35 anos co PSOE en Rodeiro, coa agrupación e noutras tarefas sen ir nas listas.

-Que cre que necesita Rodeiro?

-Sobre todo, dinamizarse, moverse para que Rodeiro non se estanque e para que a xente non teña que marchar a traballar fóra, e incluso, os que se foron, que poidan regresar, e para que sexa un Concello máis competitivo para a poboación, que basicamente creo que é o problema do rural galego, en xeral, que as aldeas están quedando baleiras. E a xente que si sigue aí quere estar cómoda a nivel infraestruturas, a nivel de Sanidade, comercial...

-En esta liña, se vostede sae alcalde, ¿cal sería a primeira medida que tomaría?

-Hai moitas medidas, pero así a primeira será escoitar a todos os veciños para saber cales son as súas necesidades para despois facer as xestións.

-Falaba antes de que a xente atópase coa necesidade de marchar das aldeas. Vostede tampouco vive en Rodeiro e é algo polo que recibiu algunhas críticas. Se é alcalde, plantea residir en Camba?

-Seguramente, se se da o caso de saír alcalde, claro que a miña presencia en Rodeiro será máis habitual, unha para cumprir coas funcións e responsabilidades deste cargo, que require a presencia diaria e estou de acordo con que non se pode gobernar unha alcaldía á distancia. Se fose o caso, que agardo a que si, a miña presencia en Rodeiro será más cotiá para o desenvolvemento do traballo no Concello. Agora mesmo traballo fóra, non só en Santiago, senón noutros puntos de España e resido entre Santiago e Rodeiro.

-Así supoño que para os veciños non é unha cara descoñecida.

-Indudablemente todos non creo que me coñezan, pero si me movo por Rodeiro, participo en sociedade e son unha persoa, máis ou menos coñecida, e sereino máis despois destas eleccións, nas que hai que visitar a todos os veciños e así a miña cara lles sonará moito máis.

-Que opina sobre a dimisión de Edita Lorenzo López?

-Respecto a súa dimisión, como non pode ser doutra maneira, e despois agradézolle o seu traballo que fixo durante estes anos. Con relación á discrepancia que tivo e que ten coa agrupación creo que non está fundada porque alega que o candidato se elixiu a dedo e iso non foi así e que non houbo votación tampouco. Ela postulábase como candidata, pero é lexítimo e democrático que tamén haxa outra xente que teña interese. Fixemos unha asemblea o venres onde ela expuxo a súas cuestións e antes de que se sometera a votación, abandonou a reunión e dixo que xa non quería ser candidata e despois alí, por unanimidade, decidiuse apoiar a miña candidatura.

-Entón, como tamén dixo José Vence, conta co apoio da militancia?

-Están aí todos os militantes para dicilo, non o digo eu. E nesa xuntanza tamén se ía a debater outros temas, non só o cabeza de lista, senón a estratexia, a formación dun equipo... porque sempre ten que haber unha persoa que leve as rendas, pero antes de chegar a ningunha votación, Edita xa dixo que non quería ser porque consideraba que non tiña os apoios suficientes e marcho da reunión e xa non procedeu á votación. E ela debe respectar o que se decide en maioría.

Compartir el artículo

stats