Decideu non ser de ninguén é o título do novo traballo (EP) de Pauliña, que será presentado este xoves pola compañía discográfica Xonix Records, da Bandeira (Silleda). Ese mismo día, 20 de decembro, tamén lanzará nas redes o videoclip do tema no que participa Valtònyc con Pauliña, dirixido por Yei Philip.

A nova aventura musical en forma de EP da cantante cambadesa consta de dous temas. O primeiro é Eu vin o mar chorar, no que a voz de Pauliña comparte protagonismo ca do mallorquín Josep Valtònyc, nunha canción que quere dar a coñecer "a situación preocupante da falta de liberdade de expresión", apunta Lolo Arincón, de Xonix Records. Conta a historia do exilio dunha muller en 1936, en contra da propia vontade da persoa, por eso Pauliña quixo que fose o rapeiro "exiliado" o que participara neste proxecto con ela.

Completa o EP Da vergonza, unha canción cargada de forza que expresa a impotencia e noxo na sociedade actual coas sentenzas como a de La Manada. "É un tema adicado a todas e cada unha das mulleres que se atoparon na mesma situación, que non denuncian por medo a represalias ou o que dirán; é para dicirlles que primeiro son elas, que a vida está para vivila sen medo", subliña Arincón.

Pauliña, que debutou en maio co seu primeiro traballo, De-xeneración, non parou de dar concertos por toda Galiza desde esa data. A artista arousana converteuse nunha das revelacións da música galega deste ano que está a piques de rematar.