O poeta ouzandés Manuel Pereira Valcárcel, a cantora Uxía e o catedrático Xosé María Lema Suárez veñen de vivir un dos momentos máis doces da súa militancia activa a prol da lingua galega. Esta noite veñen de recoller no Teatro Principal da Estrada os Premios de Normalización Lingüística San Martiño, que cada ano dende hai xa 28 outorga o Padroado destes recoñecidos galardóns, impulsados conxuntamente pola Asociación Cultural O Brado e o Concello da Estrada.

O literato Manuel Pereira Valcárcel, estradense por nacemento e convicción aínda que afincado en Madrid dende hai moitos anos, valora moito que o xurado o tivera en consideración cando ben podía terlle outorgado o galardón a outro dos moitos persoeiros que o merecerían na categoría de A Estrada e Comarca de Terra de Montes. Pero o Padroado dos Premios deixou claro na acta que se leu hoxe, antes da entrega dos galardóns, que o poeta estradense -membro do grupo poético Bilbao de autores galegos afincados en Madrid- é merecente do galardón “pola súa extensa traxectoria literaria”, a miúdo intimista, e polo seu labor de promoción e divulgación do patrimonio lingüístico e cultural galego fóra de Galicia.

O Padroado tamén explicitou que Uxía -a gañadora na modalidade de Galicia Enteira- suma máis de 20 discos publicados nos seus 30 anos de carreira profesional e que é unha das cantantes máis importantes e renovadoras da lírica tradicional ademais dunha das voces que lle puxeron música aos referentes poéticos galegos. De feito, como xa publicou esta Redacción, musicou a clásicos como Rosalía ou Curros pero tamén a contemporános como Manuel María e Uxío Novoneyra. O Padroado recoñeceulle tamén o seu compromiso coa realidade social e cultural con Galicia e o traballo que realizou para tender pontes no ámbito da lusofonía.

A Xosé María Lema distinguiuno na categoría de Toda unha vida. Académico correspondente da Real Academia Galega e membro do Padroado do Museo do Pobo Galego, este catedrático de Xeografía e Historia exerceu a docencia no IES Antón Losada Diéguez da Estrada durante nada máis e nada menos que 29 anos. Conta tamén cunha longa traxectoria investigadora nos ámbitos da historia da arte, a etnografía, a lexicografía ou a onomástica. En 2010, cinco artigos que escribiu en defensa da lingua galega fixéronlle gañar o Premio de Xornalismo Manuel Reimóndez Portela. E máis recentemente, a súa obra Costa do Solpor (2013) fixo que gañara o Premio da Crítica Galicia de creación literaria 2014. Posteriormente escribiu Costa do Solpor. O regreso da Illa do Tesouro (Xerais, 2017)

O secretario xeral de Política Lingüística, o estradense Valentín García, loubou no acto aos tres galardoados agradecéndolle o seu traballo “constante a prol do idioma propio de Galicia”. Recordou que “desde diferentes lugares e ámbitos de traballo, eles contribuíron a facer do galego unha lingua de futuro, prestixiosa e culta, valorada, dentro e fóra da nosa propia comunidade”.

Os tres galardoados deron boa mostra da súa calidade humana ao deixar a un lado os méritos que lle levaron a acadar os galardóns e amosar no acto a súa vertente máis persoal.