A agrupación folclórica deSantiago de Compostela, Cantigas e Agarimos homenaxeará ao escritor finado Xosé Neira Vilas o próximo sábado 3 de novembro, coincidindo co día do nacemento do autor. A actuación leva por título Balbino en referencia ao personaxe mítico da obra lexendaria do escritor crucés, Memorias dun neno labrego.

O Auditorio Xosé Casal do Concello de Vila de Cruces será o espazo elexido para esta cita coa música e co baile, programada para as 20.30 horas. Asimesmo, con ela a formación santiaguesa poñerá fin ao seu ciclo Danza 3 da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).O espectáculo toma como punto de inicio á icónica obra do autor para desenvolver unha proposta multidisciplinar que irá desenvolvéndose ao longo das escenas para reflexar, en definitiva, a sociedade galega de mediados do século XX, a través das clases sociais imperantes, o fenómeno do éxodo ou as costumes de entón.

Premio de Novela

O prazo de admisión de creacións literarias para participar na terceira edición do Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta finaliza mañá, mércores 17. A fundación crucesa, que recibe o mesmo nome do escritor, convoca este certame literario anualmente. A persoa premiada recibirá unha dotación económica de 1.000 euros xunto coa posibilidade da publicación da súa obra pola Editorial Embora.

Con motivo da celebración do día do nacemento do autor, o próximo 3 de novembro, este galardón literario será entregado no Centro Cultural de Gres. Pola súa banda, as bases que regulan o certame estipulan que as obras que se presenten deberá ter un mínimo de 50 páxinas e un máximo de 150. Aínda que o concurso está aberto a todo o público, dende a fundación, destinan especial atención aos nenos e adolescentes que participen, sempre que os textos sexan inéditos e estean escritos en lingua galega. Convén lembrar, ademais, que neste ano a fundación cruceña celebrou diversas actividades con motivo do 25 aniversario da súa apertura. A máis recente foi a finais do pasado mes de agosto nas Ínsuas de Gres, con diferentes actuacións musicais e un xantar de confraternización.