Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Silleda e A Estrada compiten en sobreiras singulares

Ambos municipios albergan exemplares senlleiros por tamaño e idade e por formaren destacados conxuntos en entornos de alto valor paisaxístico, e presentan eivas ou enfermidades que requerirían algún coidado especial - Na Bandeira funcionou unha fabrica de tapóns dos célebres "Corcheiros"

Galicia non é un país de sobreiras, árbores que gustan dun clima mediterráneo que é propio e característico doutras rexións de España. Pero, curiosamente, algúns dos maiores exemplares destas arbores atópanse no noso país e, en concreto, na nosa comarca de Deza.

Décadas atrás tiveron certa importancia económica, cando a cortiza era de utilidade para as colmeas nas antigas alvarizas que abondaban nas concas altas dos ríos Deza e Asneiro. E tamén para a fabricación de tapóns para embotellar viños e licores, dando lugar a empresas coma Las Hermitas. Fábrica de tapones y corchos, que funcionou na Bandeira (Silleda), dende finais do século XIX deica os anos anteriores á guerra do 36, cando as feiras da vila estaban en apoxeo e ofrecían, entre outros produtos do país, os viños do Ribeiro que traían os arrieiros polos camiños que atravesaban a nosa comarca camiño de Compostela.

A fábrica estaba na estrada que vai a Merza no edificio que agora é casa-vivenda de Solitario Quinteiro e fora fundada por Miguel Nicolás Bandeira cara o 1888, levando a denominación da Virxe das Ermidas que xa se veneraba por aquel entón na vila da empanada. Un dos seus sucesores, chamado Miguel Nicolás Esperante, acadaría certa zona nos anos da posguerra por ser militante activo do Partido Comunista, que despois de participar na contenda do 36 e pasar polo presidio de San Simón, formou parte da guerrilla contra a ditadura franquista, encabezando a célebre cuadrilla de Os Corcheiros, que levaba o nome co que era coñecido pola súa profesión, sendo despois lugartenente de Benigno Andrade Foucellas e perecer en 1948 logo do asalto á casa de Benito Rivas en Siador (Silleda). Pero esa é outra interesante historia que conta con detalle o amigo e investigador Alberte Maceira no artigo A guerrilla na comarca do Deza, no libro Homenaxe a Antón Alonso Ríos e Ramón de Valenzuela e que recolle no seu blog Galiciaagrariablogpost.com Ángel I. Fernández, no que tamén trata das nosas sobreiras e que ben merecería de por si outro artigo.

Das catro sobreiras que destacamos aquí, tres están recoñecidas coma Árbores senlleiras de Galicia no Catálogo da Xunta de Galicia, e a de Goriño en Chapa (Silleda), da que demos a primeira noticia nunha recente publicación, non tardará en ser incluída, xa que mérito ten dabondo.

A maiores do seu impresionante tamaño, as catro sobreiras forman destacados conxuntos en entornos de alto valor paisaxistíco e monumental, razón polas que merecen unha protección especial e unha visita que ben pode facerse nunha xornada en calquera tempo do ano. A de Siador localízase na Penadagra, no entorno do célebre Santuario da Saleta; a de Chapa, coñecida como a de Goriño, atópase preto da capela do San Brais e a súa fonte milagreira; e tamén a de Arnois (A Estrada) forma conxunto coa capela da Nosa Señora das Neves, rodeado dos viñedos do pazo de Valboa próximo que luce o seu escudo de armas; e no recinto do espléndido pazo de Valiñas e a súa capela do San Benito está a de Callobre, tamén en terras estradenses.

No tocante ás dimensións, o exemplar de maior perímetro é o de Arnois, con 9,40 metros chegando aos 20 metros de altura, seguido do de Siador, con 8,33 metros e semellante altura ca o anterior. A de Callobre anda polos 5,60 metros de perímetro e os 21 de altura e a de Goriño ten 5,20 metros de perímetro e cos seus 25 metros é a de maior altura das catro.

As máis vellas superan os 300 anos, caso das de Arnois e Siador, mentres que a de Callobre queda algo por debaixo e a máis nova é a de Chapa. Todas elas presentan algunha eiva que as condicións climatolóxicas, as enfermidades ou a man do home lles produciron na súa longa existencia polo que requirirían algún coidado especial e mesmo que os seus propietarios contaran coa axuda das institucións.

Outros exemplares

Nestas dúas comarcas do interior de Galicia hai outras sobreiras que tamén merecerían mención, coma as do campo da festa de Añobre, en Vila de Cruces, e as de Vilar do Río e Bermés, en Lalín, que se achegan aos 5 metros de perímetro e aos 25 de altura. E por Galicia adiante téñense rexistrado un par delas na Pobra do Brollón (Casa de Tristo) e Redondela (Cristo de Arriba) que superan os 10 metros de perímetro e tamén figuran no catalogo de senlleiras da Xunta.

A divulgación e difusión das nosas árbores senlleiras constitúe o mellor modo de preservar os nosos recursos naturais e nese afán traemos aquí estas catro espléndidas arbores que merecen ser coñecidas e admiradas por propios e visitantes.

( Cómpre agradecer a colaboración dos nosos amigos da Bandeira Xoán Otero Lado e Xosé Antonio Ferro e de Lalín Xosé Luís Rodríguez Jácome e Manuel Regueiro na realización desta reportaxe).

Compartir el artículo

stats