| Na parroquia silledense de Chapa encóntrase unha sobreira coñecida como a de Goriño pola súa ubicación. Trátase do exemplar de maior altura dos catro que se abordan neste artigo, mais tamén o único deles que non figura no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, que depende da Xunta, aínda que ten mérito dabondo para non tardar moito en ser incluída. Esta árbore chama a atención pola súa altura e esbeltez, xa que é moito menos frondosa ca outras das súas colegas da zona, se cadra tamén porque é que menos anos ten. Encóntrase moi preto da capela do San Brais e da súa fonte milagreira e mesmo ao seu pé foi construido un establo.