| Arnois tamén presume de sobreira. A desta parroquia estradense é a de maior perímetro das abordadas nesta reportaxe, pois para abrazar o seu tronco fan falla máis de nove metros. Porén, a súa robustez é tamén a súa debilidade, xa que o paso do tempo ou algunha enfermidade abriu un grande oco na parte máis baixa do seu tronco que, dadas as súas dimensións, como puido comprobar o autor deste artigo en persoa, mesmo fai temer polo seu futuro. Este gardián natural dos viñedos de Valboa forma conxunto coa capela da Nosa Señora das Neves, unha característica, a proximidade a un lugar de culto, que comparte cos demais exemplares dos que aquí se escribe.