-¿Chegou a crear algún posto de traballo neses 46 anos que tivo a mercería?

-De forma directa non, pero tiña dúas persoas traballando fóra. Na etapa anterior, cando abrira o negocio en Santiago, cheguei a ter catro traballadoras. Este traballo permitiume estudar aos tres fillos, e a verdade é que me deu pena, no seu momento, ter que pechalo.

-Isto si, tería que andar ás carreiras, porque entre a casa, a mercería e a sucursal...

-Bueno, é que as mulleres somos mil usos [risas]. É certo que notei moito o cambio á hora de virme de Santiago, pero non me amargou nin me arrepinto.

-Vostede participou a comezos de mes nunha xornada cos mozos do campo de traballo internacional, para explicarlle a súa vida e as tradicións que herdou dos seus antepasados. Non habían faltar mencións nin á ponte de Ledesma nin ás Insuas de Gres, non si?

-Os que vivimos en Gres temos moi presente as batallas contra os franceses así como as guerras carlistas polo que nos foron contando. De xeración en xeración vai pasando o relato de cómo os veciños se defendían con ferramentas e apeiros de labranza do exército invasor. En canto ás Insuas de Gres, penso que hai como uns 40 anos que lle retiraron a maleza. Estaban cubertas e, que eu saiba, nunca se plantou nada aí antes. Non o lembro. Cando se puxo en marcha a Fundación Neira Vilas, a mediados dos anos 90, ao comezo colocaban unha ponte de madeira para que a xente que visitaba as Insuas poidese pasar do lado de Gres ao de Boqueixón. Agora xa conta con varias pontes en toda a área recreativa. Gres acolle todos os anos, a finais de agosto a Romería dos Maiores, e como é un espazo natural non se permite que os camións das orquestras pasen para adentro, así que se teñen que conformar con actuar no palco que temos dende hai tempo aí.