Hai un monolito nas Insuas de Gres no que se tallou un poema de Xosé Neira Vilas e que remata co verso "eu tamén son deste anaco do mundo". É a filosofía que nestes días impera no concello, no que cadraron no tempo dúas actividades con protagonismo foráneo e que, cando se clausuren, seguro que provocan nos seus participantes ese sentimento de unión coas terras cruceñas.

Tras unha merecida xornada de descanso, a comitiva arxentina que desde antonte e ata o día 9 lle devolve a Sons da Mina o intercambio cultural do pasado outubro en Campana visitou onte o consistorio. Nel o alcalde, Jesús Otero, explicoulles aos nove invitados (o artista Walter Melo e os compoñentes do grupo Coto Rancho) a historia, economía e encantos de Vila de Cruces, para despois entregarlles un agasallo co que volverán cruzar o Atántico na viaxe de volta. O grupo aproveitou o día para visitar Santiago de Compostela, e hoxe estará en Pontevedra, Combarro e a praia da Lanzada. Mentres, na Fundación Paco Lareo A Solaina de Piloño están a ultimarse todos os detalles para a inauguración da exposición, aberta ao público, na que participan o citado Walter Melo,Mariano Tello e Rolando Ambrosio.

Vila de Cruces e Campana están unidas porque nesta cidade arxentina Manuel Iglesias, nacido en Carbia, construiu en 1907 o que seria o primeiro automóbi arxentino, o Mataperros. Del hai unha réplica, de Melo precisamente, na entrada ao casco cruceño.

Pero se hai algo que une a Cruces co resto do mundo é a ponte de Ponte Ledesma. Serviu (e serve) de paso de peregrinos, de arrieiros e de vendedores de aceite cara a Compostela. Pero tamén de tránsito dos exércitos franceses, esta vez cara a Vigo, durante a Guerra da Independencia. Asi llelo explicou a portavoz oficiosa de Amigos da Ponte de Ponte Ledesma, Natalí González Cacho, aos 25 participantes no campo de traballo, entre os que se atopan dúas mozas francesas e unha mexicana. Ata o 12 de agosto, este grupo encargarase de retirar as hedras e demais maleza que volve cubrir os sillares do viaducto, só dous anos despois da limpeza que fixera a Consellería de Cultura. González Cacho, afeita a repasar en alto ante os visitantes a historia da ponte, da capela do Carme en Gres ou da igrexa de Ledesma e da súa fachada de barroco de placas, xa ao outro lado do río, volveu dar onte unha lección tan maxistral como amena.

A finalidade deste campo de traballo é que os participantes do campo de traballo sintan, como Neira Vilas, que eles tamén forman parte deste anaco do mundo. Por iso, nestes 10 días acmeterán outros traballos nos que deixarán pegada, como a sinalización dunha ruta de sendeirismoque leve aos enclaves citados, pero tamén ao Monte do Francés ou á Pena Anduriña. O plan de traballo inclúe a elaboración de unidades didácticas sobre a historia destes lugares, e a súa entrega aos colexios de Cruces e de Boqueixón. Se chega o tempo, o campo de traballlo servirá para acondicionar un ha entrada á zona de baño do lado de Ledesma, a sexa en pedra, madeira, con escaleiras ou mediante unha rampa.