Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

As escolas dos in dianos en Deza

Hai cen anos asistimos a unha das experiencias de escolarización popular máis xenuínas e importantes da historia de Galicia -Dos preto de 400 centros le vantados no país, hai documentados 17 na bisbarra

Escola de Eidián, Basadre e Ramil, hoxe destinada a usos socioculturais. // Ángel Utrera

A aparición das escolas dos chamados "indianos ou americanos", emigrantes asentados na que se deu en chamar "Quinta Provincia" que, nun acto de enorme xenerosidade, toman o compromiso de apoiar centros nos que se impartira aos fillos da terra a tan necesaria educación para saíren da pobreza e rematar coa sangría á que eles mesmos foron forzados. Estas escolas xorden da simbiose entre os movementos renovadores españois, coma o da Institución Libre de Enseñanza, e os chegados do outro lado do mar, adecuándose as necesidades propias de cada lugar. O que non saíu das arcas municipais saíu do peto dos galegos do outro lado do océano. Entre finais do século XIX e 1936, emigrantes organizados en sociedades construíron cerca de 400 escolas en toda Galicia, a maioría nas comarcas de Ortigueira, A Mariña, Deza e O Baixo Miño. A dispersión e o tamaño reducido dos núcleos, vilas e aldeas do país, deixaba boa parte das provincias galegas sen lugares estables nos que aprender, xa que o vigor da norma de 1856, a coñecida como Lei Menayo, obrigaba a crear unha escola por cada 500 habitantes, así que so existían en núcleos con máis desa poboación.

Por iso, antes de que se materializasen os proxectos de Cuba e Arxentina, algúns pais tan so podían mandar aos seus fillos as coñecidas como "escolas de ferrado", instaladas en casas particulares e mandadas polo veciño máis culto do lugar: Podía ser o cura, o sancristán ou outro calquera.Velaí a razón de por qué os indianos esixiron mestres formados para impartir docencia, foi esta a primeira iniciativa de escolarización exitosa que coñeceron moitos fogares.

A maioría dos centros foron gratuítos, progresistas e aconfesionais nunha época de poucas liberdades. Non podemos esquecer como, por exemplo, a escola de San Adrián da Veiga, en Ortigueira -primeira en publicar unha revista propia-, pechou durante a ditadura de Primo de Rivera pola súa defensa acérrima do laicismo. Chama a atención que xa en 1919 se estrea unha escola para nenas, que comezaban a emigrar, o que pon de manifesto a sensibilización existente, nun momento tan difícil para a muller, acerca da importancia da educación tamén feminina.

O profesor Vicente Peña Saavedra na súa tese doutoral sobre estas escolas de americanos, calcula nuns 225 os centros mantidos grazas as remesas dos emigrantes, continuando coa iniciativa que comezaran a mediados do século XVIII, movidos por fins altruístas e xenerosidade, desexo de ostentación cara os seus veciños e amigos, no seu afán de amosarlles o éxito acadado alén dos mares, e dende logo a necesidade de cambiar a imaxe que deles se tiña no novo continente, de persoas analfabetas, carentes de preparación, duros e de poucas luces, decatándose das implicacións negativas e pexorativas que carrean a falla de preparación dos novos emigrantes que continúan chegando ante o efecto chamada dos que xa están alí. Tratan así de axudar a superar a situación estrutural do noso país, sumido no atraso, as dificultades económicas, a pobreza, o illamento, o desprestixio e a marxinación social, mediante a creación do principio básico da educación, a escolarización dos rapaces/as. Xurde deste xeito e grazas a eles un novo concepto de escola rural.

Hai máis de cen anos asistimos ao desenvolvemento dunha das experiencias de escolarización popular máis xenuínas e importantes de cantas se teñen rexistrado na súa historia. Esta iniciativa agromaba nos escenarios da emigración transoceánica, impulsada polas sociedades de instrución que comezaran a tomar corpo en varios daqueles espazos case ao mesmo tempo, á altura de 1904. Dende entón e ata o alborexar da década dos trinta, ano a ano e mes a mes foron constituíndose moreas de pequenas agrupacións locais nos territorios de alén mar que tiñan por obxectivo en común contribuír á difusión do ensino nos lugares ós que proclamaban representar. Débeselle á súa axuda encher de luces o país, favorecendo a transición dunha sociedade na que prevalecían a cultura oral, o analfabetismo e a pobreza cara unha nova na que se ía ir abrindo paso a cultura escrita, sobre todo mercede á difusión e penetración da escola nos contextos rurais, vilas e aldeas máis afastadas.

A relevancia que para o noso país tiveron estas escolas de indianos, moveu hai uns anos a creación do Arquivo da Emigración Galega, promovido polo Consello da Cultura Galega en colaboración coa Secretaría Xeral de Emigración da Xunta, proxecto que, coincidindo co centenario da fundación das sociedades galegas de instrución de América, deu lugar á exposición Luces de alén do mar, onde se recolleu unha boa parte deste legado cultural e educativo dos indianos ao longo de Galiza.

O inxente traballo de localización, catalogación e posta en valor destas edificacións, nun ficheiro coas características arquitectónicas, localización, historia e todo cando se poida referir ao feito en si mesmo foi recentemente realizado polo profesor Peña, no seu traballo para a USC As escolas da emigración (Un proxecto educativo de valorización do patrimonio). Neste traballo, e falando xa especificamente para a nosa bisbarra de Deza, atopamos ata 17 edificacións, das que unicamente quedan dúas como legado filantrópico particular e cinco procedentes de organizacións societarias educativas en Lalín; dúas en Agolada -a de Basadroa procedente da obra filantrópica privada e a de Ventosa, de orixe societario-; en Vila de Cruces, asimesmo, unha e dúas procedentes de organizacións societarias; catro en Silleda; e outra en Rodeiro, todas elas creadas polo asociacionismo societario.

As escolas aínda en pé debido á xenerosidade particular son as de:

| Barcia (Lalín). Creada nos anos vinte do pasado século grazas á filantropía de Marcelino Otero González e Manuel Ramos Ramos. Emigrante en Arxentina e membro de Hijos del Partido de Lalín, Marcelino, que inviste máis de 50.000 pesetas da época na súa construción e 150.000 máis en materiais e dotación, en tanto os terreos propiedade de Manuel son cedidos gratuitamente. A edificación aínda en pé está no entorno da famosa Carballeira de Barcia, e conta con dous andares e vivenda para o mestre, e estivo en funcionamento ao cargo dos veciños ata o ano 1972. Actualmente, despois que fora adquirido por suscripción popular polos conveciños da parroquia, é o centro sociocultural.

| Soutolongo (Lalín). Creada e inaugurada no ano 1925 grazas ao traballo conxunto dos irmáns Manuel, Benito e Antonio González Gamallo, nacidos en Vilar e membros da agrupación Hijos del Partido de Lalín, en Arxentina, conta de dúas aulas, para nenos e nenas. Na actualidade é centro sociocultural da parroquia.

| Basadroa (Agolada). Sita no lugar de Basadroa, parroquia de Eidián, foi financiada por Francisco Oro Meire, emigrante en Cuba dende 1871, que manda os cartos necesarios para a súa construción, que remata no ano 1920, facéndose cargo da compra do terreo e todos os gastos precisos e dotación de material. No contrato de cesión ao concello tan so pon como condición que non deixe xamais de ser escola, co fin de ensinar aos nenos e nenas das parroquias de Eidián, Basadre e Ramil; no caso de que por calquera motivo deixara de ser esta a súa utilidade, a edificación reverterá ao propietario ou os seus herdeiros. Na actualidade é un centro sociocultural.

| San Miguel de Duxame. Fundada no ano 1620 e coñecida sempre co alcume de O Colexio, debe a súa orixe a Andrés Otero Bermúdez. Funcionou como fundación manténdose grazas aos xuros do capital que no seu momento mandara o indiano depositado no entonces Banco de San Carlos, en Madrid. Con eles foise pagando durante anos o salario do mestre e comprando o material preciso para a escola, manténdose en uso ata o 1870 ano, no que se veu obrigada a pechar.

Por outra banda, entre as escolas de organizacións societarias, atopamos as seguintes:

| Ventosa (Agolada). Construída en 1920 pola Sociedad de Instrucción Hijos de Ventosa y su Término, que nacera na cidade cubana de La Habana en 1918, baixo a presidencia de Alfredo García Vázquez, encargarase da educación dos nenos e nenas da parroquia ata 1936, ocupándose da dotación do material preciso, aínda que a contratación dos mestres déixase nas mans das autoridades educativas do Goberno da República. Pecharía as súas portas durante a guerra civil, para reabrir, pero xa como escola de propiedade pública, ao rematar esta, ao cargo do mestre Agapito Méndez Pallares, permanecendo aberta ata 1953, sendo o seu derradeiro mestre Alejandro García. Na actualidade, local social e de actividades socioculturais.

| Alemparte (Lalín). Creada pola sociedade Club Lalín, dos emigrantes galegos de Cuba, que aporta o capital preciso, nela traballan os veciños dun xeito desinteresado. Inaugurada en abril do 1928, con dúas plantas, unha delas a vivenda do mestre e unha aula mixta. Como curiosidade, no seu frente conta cunha escultura, feita polo canteiro e artista de Lalín Vidal Payo Fernández. Hoxe funciona como local social.

| Vilanova-A Xesta (Lalín). Constrúese a instancias do Club Lalín, o mesmo que algunhas outras que esta sociedade radicada na Habana axudou a levar adiante, no cumprimento dos seus fins de auxilio e protección ao traballo, melloramento do ensino e educación. A súa aportación económica foran 1.000 pesetas. Abreu as súas portas en 1928 e permaneceu activa ata os anos setenta do século pasado. Aínda se pode ver na súa fachada principal unha placa que recorda o agradecemento da parroquia aos seus fillos en Cuba.

| Gresande (Lalín). Creada polos emigrantes galegos en Arxentina, a través da Sociedade Unión del Partido de Lalín, de Bos Aires, nada no ano 1921. Empezou a funcionar baixo o nome de Escola Ramón González Vigide en 1922, en novembro, e coa finalidade de contribuír ao desenrolo do rural e o agro do país, para o que mesmo chegou a impartir clases nocturnas para adultos, co fin de erradicar o analfabetismo secular da parroquia. Curiosamente, foi a primeira escola creada en Lalín polos chamados "indianos". O nome débese a uns dos fundadores da Unión del Partido de Lalín, socialista convencido e moi implicado nos temas políticos, sociais e mellora de vida do seu lugar e da xente. Hoxé é propiedade particular.

| Prado (Lalín). A Escola Manuel Curros Enríquez abriu en 1923, en recoñecemento ao grande poeta, grazas á Unión del Partido de Lalín en Arxentina. O mesmo que a de Gresande, foi construída polos veciños e o material e dotación económica correu de cargo dos galegos na diáspora. É unha das escolas da que a edificación non existe, xa que o actual colexio público de Prado ocupa o seu lugar. Subliñar tamén a súa función de loita contra o analfabetismo, xa que mesmo funcionou durante anos como centro nocturno de alfabetización de adultos. Durante a contenda civil, o mesmo que outras, foi clausurada polas autoridades franquistas, reabrindo as súas portas ao rematar a guerra para desaparecer na década dos setenta do pasado século.

| A Escola Asilo do Hospital (Lalín). Cómpre recordar que Hijos del Partido de Lalín foi creada o 7 de agosto de 1908 en Bos Aires e que inicialmente pretende recadar fondos para a construción dun hospital co que dotar a vila de Lalín, para o que contacta con outras sociedades creadas por emigrantes en Cuba e Uruguai. Porén, ao longo dos anos amplían e complementan os seu primixenio obxectivo co proxecto de creación dun centro educativo, con varias aulas, o que finalmente materializan no ano 1923/1924. A obra levouse a cabo en 1915 baixo a dirección do arquitecto Guillermo Álvarez, natural de Ourense e residente en Bos Aires, e que xa correra cos planos da escola de Cortegada. Unicamente chega a funcionar como hospital un breve tempo, baixo a dirección do doutor Manuel Brandido, que abandona o cargo pola falla de apoio e carencia de material e dotación, que converte en inviable o seu mantenemento. Durante a guerra civil pasa a mans de Falange Española y de las Jons, que o destina a acuartelamento, e reabre ao rematar baixo a dirección do Colexio Sagrado Corazón, ata o ano 1952. Posteriormente sería derrubado para construír o IES Pintor Laxeiro, da actualidade, tras pasar unha etapa na que albergou a escola de artes e oficios.

| San Cristovo de Az (Rodeiro). Escola adicada ao ensino primario, creada pola Unión de Residentes del Distrito de Rodeiro na Habana (Cuba). Primeira e única escola que chegan a construír, abre grazas á dotación económica recibida dos cambotes do outro lado do mar en 1921. Foi a única das construídas no concello de Rodeiro.

| Laro (Silleda). A Escola Rosalía de Castro de Laro foi creada pola sociedade de emigrantes en Bos Aires, Hijos de Silleda, en 1912; en primeira instancia, nun local de aluguer e despois trasladado no 1917 á súa definitiva situación. Chegou a ter máis de oitenta rapaces nas súas aulas, e mesmo realizou traballos de formación e alfabetización de adultos. Actualmente propiedade particular, aínda conserva a placa na que se da conta da súa fundación pola sociedade Hijos de Silleda.

| Escuadro (Silleda). A Escola Bernardino Ribadavia de Escuadro foi a segunda creada por Hijos de Silleda, no lugar de Penadagua, e, ao igual que na de Laro, primeiramente estivo nun local de aluguer, que abandona en 1927, no que se destinan 17.000 pesetas á construción do novo local, na que colaboraron os veciños do lugar, cada quen na medida das súas posibilidades. Actualmente tamén é de propiedade particular.

| Siador (Silleda). A Escola Francisco Giner de los Ríos foi a terceira desta sociedade trasdezá, quizais a máis activa de cantas se crearon no outro lado do océano no desenvolvemento dos seus fins educativos, o que da conta da confianza e importancia que deron os seus fundadores á educación e ao ensino. A edificación foi adquirida en 1921, no lugar do Marco, xunto ao santuario da Saleta. Na actualidade é de propiedade privada.

| A Bandeira (Silleda). Escola de Instrución Primaria e de Comercio de Bandeira, nace do acordo acadado por un grupo de veciños de Manduas, que fundan a chamada Sociedade Pro-Escuela en Bandeira. Entre os seus fins está a construción dunha escola laica, que definitivamente se construiría en San Tirso de Manduas e abriría as súas portas en 1930. Foi unha das escolas máis importantes, en matriculacións, plans educativos e ensino, prestando apoio a outras e dotada dunha moi boa biblioteca de uso público. Desde hai anos alberga o Centro Cultural Vista Alegre.

| Loño (Vila de Cruces). Chamada Escola Privada Mixta Graduada, foi construída pola acción da sociedade creada en Bos Aires en 1912 baixo o nome Sociedade Pro-Escuelas Hijos de Loño. Os seus intereses céntranse basicamente no ensino dos nenos e nenas nos oficios básicos relacionados coa agricultura, industria e comercio a partir do ano 1922, poñendo en práctica, ao mesmo tempo, clases para adultos. Mantivo a súa actividade ininterrompida ata finais dos anos corenta, despois da guerra civil. Actualmente o edificio está abandonado e presenta un estado ruinoso.

| San Tomé de Insua (Vila de Cruces). Construída grazas a acción conxunta de veciños e emigrantes da parroquia en Bos Aires, no ano 1926, a través de Hijos del Partido de Lalín e grazas á axuda recibida da mesma sociedade radicada na Habana (Cuba). Foi inaugurada en xuño de 1928, e da súa importancia para as xentes do lugar da conta na súa historia como no acto houbo desfile con bandeiras portadas polos rapaces, discursos de apertura, banquete na casa reitoral e música, a cargo da Banda Municipal de Cruces, tal e como recollen os xornais da época. Daquela escola tan so quedan restos en ruína e abandono.

Ata aquí este breve resumo do que foron para a xente e pobos da comarca estas "escolas de indianos", que axudaron a poñer barreiras ao analfabetismo secular da nosa bisbarra, e do país enteiro.

Compartir el artículo

stats